Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rebeca Baceiredo

O micropoder: I like your gun...!

11:38 25/03/2008

(…) O poder é obxecto dunha representación, dun recoñecemento, que supón materialmente unha comparación das conciencias. Así é preciso que á vontade de poder lle corresponda un motivo, que ao mesmo tempo sirva de comparación: a vaidade, a fachenda, o amor propio, a ostentación, ou incluso un sentimento de inferioridade. Nietzsche pregunta: quen entende a vontade de poder como unha vontade de facerse recoñecer?, quen entende o propio poder coma un recoñecemento?, quen quere esencialmente representarse como superior, e, aínda, representar a súa inferioridade coma unha superioridade? (…) O escravo, cando efectivamente trunfa.
Deluze

O outro día unha rapaza foi á consulta privada dun xinecólogo facer unha revisión, e devindo a conversa, tal xinecólogo acabou por recomendarlle, para o complexo de peito pequeno, un aumento cirúrxico. Recomendoulle, tamén, a un amigo seu.

O outro día publicouse que anualmente se realizan en todo o Estado 50000 (75000  segundo outras fontes) intervencións co fin de incrementar o tamaño dos seos. Sabemos que é usual a venda dun billete de avión a algún país suramericano, unha semana de hotel e unha cita para unha clínica (moitas veces clandestinas e sen seguridades sanitarias), por pouco máis de mil euros.

O outro día nun programa informativo matutino un especialista en algo que ignoro non falaba dos Oscars mentres comentaba a beleza dalgunhas actrices invitadas á festa, “a pesares de estaren preñadas” . Repetiu cinco veces tal lapso. Sete días despois, facíase público que Angelina Jolie segue a ser a máis desexada “a pesares de ser nai”.

Calquera día, calquera adolescente le unha revista dedicada á súa idade e aprende a practicarlle a un varón sexo oral “inesquecible”  (cito textualmente).

Calquera día vou a un quiosco e un harén de silicona me recibe.

Calquera día preguntan a unha muller nunha entrevista de traballo cales son as súas relacións sexuais e os seus plans de xestación.

 Calquera día queda preñada e non hai contrato que valla. (Por isto calquera día van a traballar 8 millóns de mulleres e 12 de homes?)

Calquera día vemos mulleres que loitan infrutuosamente contra paso do tempo, incapaces de deixar de ser o obxecto que lle ensinaron a ser.

Calquera día só o 20% das mulleres agredidas polas súas parellas, denuncia.

O outro día en Pontevedra unha muller tentaba evitar que a súa parella entrara con violencia na súa casa. Esta muller foi detida porque non tiña papeis. Esa muller, ademais de ser muller, é unha “latinoamericana ilegal”, e, vaia!, resulta que dereitos fundamentais e legalidade distan moito e resulta, tamén, que é era doblemente minoría (muller e non-branca).

Activas ou reactivas
Calquera corpo é un entramado de forzas. Calquera relación entre dous corpos é unha relación de forzas. As forzas poden ser activas ou reactivas, podendo mudar de natureza segundo xestionen as diversas causas do seu propio movemento ontolóxico. Unha forza que devén activa só precisa ser para afirmar a súa existencia; porén, a existencia dunha forza reactiva baséase en dominar a outra(s) ou ser dominada por ela(s).

As forzas reactivas son as rigorosamente codificadas pola cultura, en tanto que a cultura é a responsable de ordenalas e regulamentalas co fin de activalas: é a partir das forzas reactivas, pensando nelas, como se definen e actualizan os valores que rexen unha sociedade. Os códigos culturais, por isto, sempre serán un intento fallido para facernos activ@s, creadores/as, logo, libres. A incapacidade para conseguilo fainos eternos debedores dese instrumento pouco eficaz: pagamos esa débeda coa dor, que ten como envés á culpa, que devén, a súa vez,  mala conciencia e resentimento (segundo cadaquén).  Estas forzas reactivas a miúdo se proxectan fóra dun/ha mesm@...

Ben sabemos que a nosa cultura (non entro noutras) está determinada por un pensamento patriarcal: o suxeito-home definiu o mundo, e entre os obxectos que conformaban ese mundo andaban as femias. As femias, en tanto que obxectos, foron reducidas ao seus corpos, pero á vez desposuídas deles, en tanto que eses corpos son catalogados (esteticamente) e valorados na súa función social (reprodutiva) polo discurso do “home-branco”, polos parámetros androcéntricos que atinxen a tódolos xéneros por igual: o corpo feminino é obxecto e instrumento do varón. A Muller é unha entelequia inexistente e por isto inaccesible.

O micropoder é o dispositivo inconsciente socialmente codificado (adoctrinado). O consciente é un nivel, o inconsciente outro, e este segundo baralla aspectos que o primeiro nin se atreve a recoñecer: os discursos racionais serven de pouco, tod@s sabemos que “nos temos que portar ben”, pero en tanto que socialmente se induce ao noso ser máis profundo a seguir devindo reactivo, a seguir instalado nos xogos perigosos das reaccións, non é posible que a relación entre xéneros, entre persoas se sitúe fóra do ámbito do (micro)poder. Se a isto engadimos os sentimentos reactivos derivados e xa aludidos, temos o cóctel perfecto para que a sociedade rebente en microestoupidos domésticos: @ resentid@ intenta dominar a súa propia impotencia golpeando ou matando ao instrumento/obxecto que a súa cultura lle concedeu: á “Muller”, á “súa” muller, a calquera muller.

Agora os políticos andan preocupados e din que van tomar medidas neste “problema difícil”. Realmente só quería dicir que se non mudan radicalmente os códigos sociais, por suposto que é un problema complicado…

4/5 (57 votos)



Rebeca Baceiredo

Naceu en Ourense en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, en 2005 fíxose co V premio Ramón Piñeiro de Ensaio, coa obra 'O suxeito posmoderno' (Galaxia, 2006) »



Anteriores...