As críticas do concepto de poder constituínte que xogan coa oposición “instituínte-instituído”, xa sexan dialécticas ou vitalistas, son falsas. Na posmodernidade, de feito, o poder constituínte non pode padecer esta oposición, xa que se produce nesa dirección que impulsa o común a constituírse contra o baleiro, no limiar do tempo. E, ao estar sempre presente, na súa exposición ao eterno, o poder constituínte nega que se poida dar algo simplemente por constituído.
No materialismo, predicar o ser é innovalo.
Negri, Fábricas do suxeito/ontoloxía da subversión
Esa reflexión antiga que induce á participación racional, moderada no mercado, quen garda sempre ten, viviu una actualización subversiva hai pouco máis dun mes.
Touro Sentado (Tatanka Iyotake) facía moito fincapé naquilo de que a terra non se vende, que a terra non pode taxarse, non pode ser considerada un ben comercial. Porén, as terras dos sioux non foron comercializadas no seu momento, 1803, debido aos termos do Tratado de Merca de Luisiana, rubricado por Francia e polos Estados Unidos. Por el, as dúas potencias acordaron non competir por terreos negociando cos indios, antes ben, amañarían entre elas. Pero o país galo, ademais de valorar pecuniariamente as terras “cedidas”, tamén valoraba “sentimentalmente” o respecto pola liberdade, propiedade e relixión dos seus habitantes ancestrais, aos que non se lle consultou ningunha transacción. Oitenta e seis anos despois, Dakota do Norte, Dakota do Sur e Montana foron invitados a unirse aos Estados Unidos e, desta, tamén se insistiu en que os propietarios dos terreos eran os seus habitantes. Isto non obstaba para que en repetidas ocasións dende entón o goberno americano intentase mercar as extensións e, en repetidas ocasións, os lakota se negasen. Así que, como adoita acontecer, os “homes de ferro” fixeron ao seu antollo e ignoraron, como tod@s sabemos, a existencia dos nativos, aos que recluíron nas reservas coma aos leóns nos zoos.
Despois dos ecos puntuais das sistemáticas reivindicacións dos peles vermellas, Russel Means, un dos principais activistas lakota-sioux, viaxou en decembro a Washington para comunicarlle ao goberno dos USA que non pertencen xa máis á “grande e libre” República Federal. Precisamente, o feito de figurar como propietarios de chan que tamén abarca áreas de Nebraska e Wyoming, ademais das citadas, permítelles anunciar a creación da nación Lakota. Atópanse nunha situación legal amparada polo dereito internacional e estatal que lles favorece para romper unilateralmente (non sabemos aínda se de forma fáctica) os tratados asinados polos que “aceptaban” ser cidadáns dos Estados Unidos de América: os Estados Unidos de América non os tratou como tales, así que eles tiran a baralla que o poder americano rompeu. En que se concreta esta afirmación abstracta? Nun índice de suicidios entre os adolescentes das reservas que supera nun 150% a media estadounidense, nunhas cotas de pobreza que acadan o 97%, nunha porcentaxe de poboación desempregada do 85%. Ademais, a mortalidade infantil nas reservas multiplica por cinco á mortalidade infantil do resto do país e a lonxevidade non supera os 44 anos, sendo o alcolismo a balsa xeneralizada en toda esta destrución. Nesta tesitura de “aniquilamento físico, espiritual e cultural” da súa xente, acto ao que se adoita chamar xenocidio, os cidadáns lakota-sioux optan pola autoxestión, deciden que eles mesmos poden, dende logo, tutelarse mellor.
E neste caso, o contrato social explicitouse, neste caso existen uns documentos escritos nos que o compromiso de cumprir as funcións de representación popular por parte do poder se fixo máis ou menos evidente. Neste caso, ademais, existe un amparo legal (artigo 6 da constitución americana, que converte os tratados de adhesión nunha sorte de lexislación positiva, así como os tratados nacidos na Convención de Viena de 1980 e asinados, tamén, polos EE.UU) en base ao cal os cidadáns poden berrarlle á clase política: xa non delego a miña potencia en ti, deslexitimo ese poder constituído e recupero o poder constituínte.
(Como detalle esperpéntico, hai que sinalar que na declaración de independencia, en 1776, do que sería o imperio da nosa época o novo país xustifica a revolución fronte a vella Inglaterra en virtude de “dereitos naturais” cuxa existencia é “evidente e inalienable”. De tan obvios, esquecéronos.)
Nos casos máis convencionais, o contrato social requeríu moitas máis verbas: quen propuxo tal? Que se propuña nel? Quen o asentiu? Que é o que está en xogo e dende que momento? Que viabilidade ten a súa evolución, para adaptarse ás formas sociais, que mutan? Ou tal contrato entra en parámetros de abstracción baixo os que existiría o movemento social? E se é así, como se ampara e quen concreta o difuso marco dos concretos movementos sociais? Estando toda a formulación no reino do pensamento, coido que resulta máis difícil determinar o fin das obsoletas fontes transcendentes de poder e, así, tomar medidas materiais, positivas que nos permitan recuperar o poder/potencia delegado tacitamente (tan tacitamente que non sabemos cando nin onde), recuperar, logo, a autonomía social. Considero, logo, que o interesante deste acontecemento é extraer a posibilidade simbólica de deslexitimación do poder. Falo dunha sorte de desobediencia civil que non estrague máis escasos recursos, que non saen, dende logo, do peto dos políticos. Falo da desobediencia civil dende os conceptos. Porque o pensamento (a linguaxe) ten consecuencias materiais, políticas e, neste sentido, é subversivo.
Naceu en Ourense en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, en 2005 fíxose co V premio Ramón Piñeiro de Ensaio, coa obra 'O suxeito posmoderno' (Galaxia, 2006) »