Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Máis vale debate en man que un cento de argumentos voando?

13:10 01/03/2008

Hai un par de semanas andaba cavilando na estraña aparencia dunha certa falta de estratexia por parte dos tres grupos con representación parlamentaria. Daquela preguntábame eu con preocupación que sentido terían os erros en tempos e temas cos que nos entretiñan PPdeG, PSdeG e BNG ás portas dunhas eleccións xerais. Pensaba eu: Nun mundo de estrategas a nós tocáronnos os improvisadores?

Entre a sobredose política, a gripe e a síndrome de Estocolmo, andada a caravana electoral a sensación de asistir a unha romaría de políticos regueifeiros mudou un chisco. Con todo, a reflexión sobre a sesión televisiva deste mércores na Galega méreceme un punto e aparte. Velaí unhas breves impresións.

Probablemente a maior expectación chegaba pola concesión de Touriño a baixar do Olimpo de Monte Pío. Nun país onde a percepción social respecto da aversión ao debate quedou encarnada en Manuel Fraga, o secretario xeral dos socialistas errara ao opoñerse en reiteradas ocasións a este tipo de enfrontamento dialéctico. Unha negativa a súa para a cal se mantiña a sospeita: evidencia de debilidade? A Touriño cumpríalle nesta altura un xesto con electores socialistas que podían acabar pensando que concederan apoio a un miñaxoia que escapa das frontes de batalla ou a alguén que só atreve a saír a primeira plana coa vantaxe cronometrada e regular dos telexornais. O balance deste mércores en San Francisco demóstralle que non eran para tanto os temores. Puido subliñar algúns eixos do seu discurso, resumiu que en tempos de desaceleración "Galiza vai mellor" ca os demais, tiroulle a iniciativa a Feijoo en temas críticos, envioulle recado galeguizado para "a nena" citada por Rajoy hai dous días, sacou os seus gráficos aqueladiños para o día e aínda lle sobrou tempo para deixar novas achegas para a exitosa Touripedia falándonos da Galiza forte e "rebusta"...


Por outra parte, Anxo Quintana chegaba co piloto automático de quen se sabe curtido nestas areas televisivas. Nese marco, a estratexia do BNG permítelle cando menos confiar en que non necesita poñer condicións reviradas nin xogar a medir a temperatura dos platós. O voceiro nacional do Bloque xogou con habilidade, outra vez, as claves argumentais coas que a súa formación compite nesta campaña electoral. Manexou o ritmo con precisión, evitando as interpelacións abruptas de Feijoo, levando o fío das respostas para o rego dos seus razoamentos, remedou un coñecido anuncio á hora de convidar ao voto, e deixou o pouso dalgunhas ideas chave do programa nacionalista: facerse valer en Madrid, dobrar o investimento para a atención á dependencia...

Probablemente a maior decepción foi desta volta Alberto Núñez Feijoo. O líder do PPdeG demostrara en ocasións anteriores ser un experto combatente na area dialéctica. Así apareceu por exemplo con boas mañas e destreza de protagonista cando lle tocou en 2005 e como secundario de Fraga facer en debate cos rivais a imaxe que don Manuel desfacía nos mitins. Fíxoo noutras ocasións no escenario parlamentario, onde trazou un prometedor aínda que irregular camiño como líder da oposición até a metade da lexislatura. Mais no último debate sobre o estado da nación xa fixera asomar algúns xestos que defraudan a súa proxección como rexenerador posíbel do asilvestrado pendello popular. Desta volta repetiu algúns erros daquela introducidos. Logo dun asomo de lucidez nas intervencións iniciais e cando adaptou á realidade de Galiza algunhas das propostas estatais xenéricas do PP, non volveu acordarse de que igual tiña algunhas outras ideas interesantes de presentar até que lle quedaban apenas uns segundos. Xa que logo, a imaxe que quedará de Feijoo neste debate é sobre todo a da súa turbación e atrapallamento a partir da introdución do tema do autogoberno no debate. As sucesivas repeticións da súa convicción de que "España é unha nación" e de que "Galiza non", a desconcertante lembranza do referendo proposto en Euskadi, a referencia a presuntos "problemas coa lingua" nas escolas, a mención de que a educación "non debe ideoloxizar"... Pareceu toda unha restra de despropósitos dun PPdeG medrancas que asume argumentos dunha campaña do PP a moitos quilómetros de aquí.

Hai debate? Non: hai calote

Dito isto, e se ben hai que felicitar as formacións políticas por posibilitaren un debate inédito na política do país, tamén hai que reprocharlles a teima en que a propaganda lle dobrase o brazo ao xornalismo. Oxalá que a próxima vez as condicións as poñan os periodistas, que o debate se xere a partir de preguntas, as dos xornalistas e se cadra tamén as dos cidadáns, e que o xogo dialéctico inclúa a capacidade para espremer os tempos máis aló dos cronómetros e que todos eles lembren que na medida en que poidan interpelarse será que está habendo de verdade un debate.
Costume abondo temos xa de vermos políticos hábiles á hora de responderen aquilo que traían ben preparadiño independentemente de cal fora a pregunta. Por riba agora téñeno ben máis doado: eles deciden do que se fala, cando se fala, durante canto tempo... Un exemplo máis dos perversos ataques dos partidos políticos ao libre exercicio profesional do xornalismo.

Porque... Como lle chamamos ao produto televisivo onde en diversos momentos do presunto debate vemos como os líderes se poñen ler o guión que traían para ese momento pactado, lectura que fan ademais independentemente do que os seus interlocutores digan?

Así non hai debate: hai calote.

4,5/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: