Se en algo parecía coincidir a actualidade das estratexias dalgúns dos principais actores políticos e das cúpulas das caixas nos últimos tempos era en que parecía guiada por un obxectivo similar: apareceren diante da opinión pública como os que menos estaban entorpecendo a posibilidade dun acordo. Ben clara semellaba a frouxa vontade de facilitar as cousas. Chegar a bo porto era o de menos, o importante semellaba non aparentar ser responsábeis do naufraxio. "Como alguén non teña un ataque de lucidez isto vai cara ao precipicio", agoiraba un dos expertos consultado por Vieiros estes días. O chanzo andado este luns é apenas unha luz ao final do camiño. Pero saberán vostedes que non só por ir á misa se gaña o ceo. Déixolles catro apuntes rápidos a recordar no escenario que agora se abre.
Dime como solucionas o problema e direiche quen es, escoiteille dicir dunha vez a alguén. O proceso lento, cheo de coiteladas, medias verdades e xogos de poder, é profundamente desalentador. Non parece que se chegase a este punto da fusión posíbel nin por convicción nin por que se crea que é a mellor das solucións para o ben común do país. Moi ao contrario, a conservacións de leiriñas de poder e trincheiras de influencia parecen pesar máis que a realidade da situación e a aposta por ser instrumento de apoio ao tecido produtivo do país.
No mesmo sentido, poderán falar do degoiro dunha presunta "gran caixa" que xurda da vontade común de construír unha ferramenta que actúe como motor de país... pero mentirán. Non se trata dunha operación opcional feita en condicións de fortaleza polas dúas partes e en favor dun proxecto conxunto que lles permita consolidar un músculo poderoso. Moi ao contrario, trátase dun tratamento urxente para uns pacientes terminais. Mesmo parece que ás veces precisasen receita de vergallazos para dar conta da realidade: ou menciña de fusión ou caos. Ou inxección de pacto ou ameaza de intervención cirúrxica e longa convalecencia.
Terceiro: Cinco mais cinco non eran dez... sumaban apenas tres, mentres sete marchaban polos furados que no peto abrira a irresponsabilidade. Contámosllelo aquí máis dunha vez ao respecto dun dos exemplos paradigmáticos: moitos ovos no cesto do ladrillo e por riba nalgún dos que tiña os vimbios máis febles. Xa que logo, haberá que esperar que os criterios que rexan o novo proxecto sexan outros... E tamén que as persoas sexan outras. A suma de dous pode acabar restando se quen cometeu as irresponsabilidades cos aforros de tanta xente segue ao temón. Lembremos que as caixas non son deles, senón dos aforradores que confían nelas.
E na liña disto que dicimos. Cuarto apunte: Agardamos aínda pola transparencia. Seica se chega até aquí despois de moito peneirar números, tal e como admite o presidente da Xunta. Seica o parche FROB necesario era ben máis grande do que se ventaba, admiten as entidades. Bo sería logo que se coñecese exactamente a dimensión dos buratos e as manobras coas que se camuflaron. Que saibamos con claridade que e por que van axudar a recompoñer os cartos dos contribuíntes.
Á luz do visto os últimos meses... Somos demasiado inxenuos con estas catro reclamacións? Pode ser... Pero aquí o proceso é tan importante como o resultado final porque exemplifica con detalle quen somos como país e de que pé coxeamos. As contas non van cadrar mellor cunha "Caixa Nova Galicia" ou cunha "Caixa Galicia Nova". Sabemos dos calotes e dos atallos de calculadora.
O desafío de verdade comeza a partir de aí.
A futura "Gran Caixa" non vai ser mellor por ser máis grande. Porque, dicía o outro un día polo San Martiño, por poder tamén poden chover chourizos, pero non choven...
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. É Xefe de Redacción de Vieiros. Mantén a bitácora No andaime. »