Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Calidade e corrección lingüística. O principio de distancia

12:05 10/12/2007

A calidade lingüística das emisións dos medios de comunicación públicos é moi cativa. Parece indubidable o consenso a respecto desta idea, sobre todo entre usuarios con algunha caste de militancia cultural ou política: certas elites culturais, grupos con conciencia nacional e de convicións galeguistas, etc.

Esta certeza maniféstase publicamente moi de cando en cando, e non sempre con precisión. Non parece existir presión social sobre este asunto. Canto aos falantes tradicionais, os que manteñen historicamente a continuidade da transmisión, estes perciben a miúdo unha distancia notable entre a súa lingua e a que usan os medios. É un fenómeno que invade todos os ámbitos en que cristaliza o discurso oral público en galego: os medios, o teatro, a política, a publicidade, etc.

A corrección e a calidade lingüística son conceptos que agroman na arbitrariedade da convención social e cultural. E política, claro. Moi difíciles de avaliar. O que ocorre cos nosos medios públicos non é un problema de corrección lingüística, senón de modelos de oralidade, modelos de lingua implícitos que xorden dunha escaseza de autenticidade. Porque entre eses modelos de lingua e os dos falantes existe unha distancia por veces insuperable, unha distancia determinada polas diferentes procedencias sociais dos emisores e dos receptores das mensaxes mediáticas. Nese sentido, esa distancia implícita podería parecer involuntaria, mais non o é tanto; é sempre consciente, dunha maneira ou doutra, e ademais mesmo chega a coñecer formulacións explícitas. Recordemos o que pasou co famoso acento neutro dos inicios da dobraxe ou coa resistencia que entre certos profesionais do teatro xeraron os intentos de aplicar criterios antagónicos cos que inspiran os seus modelos hexemónicos.

A lingua galega vive historicamente na boca e no cerebro das camadas sociais populares, que non acumularon prestixio nin poder nin formación académica. Se a orixe social dos emisores das mensaxes que conforman o discurso oral público é diferente, tamén é diferente a lingua de referencia. Estes emisores tenderán a desenvolver a súa profesión conforme aos seus hábitos lingüísticos e recorrerán aos trazos gramaticais, fonéticos e prosódicos da súa lingua de instalación. O castelán, neste caso. A consideración da lingua galega — non usada fóra das necesidades contractuais— como un idioma popular, rural, asilvestrado, non culto engadirase ao pouso en que xermola o modelo oral hexemónico. Obviamente, tal consideración agocha un prexuízo flagrante; cualifícase unha lingua conforme a idea preconcibida que se ten dos seus falantes, a cuxo grupo social non se senten pertencentes os donos desta construción ideolóxica. É este un fenómeno xa vello con reflexos simétricos ben coñecidos. O imperio do principio de distancia.

Modelos distanciados
Este principio de distancia acaba sendo directamente proporcional á convición do falante respecto ás incapacidades da súa lingua. Esa é a mensaxe que se lle envía. Na medida en que se distancian dos modelos fónicos dos falantes (da súa gramática), os modelos de lingua dos medios e doutros ámbitos do discurso oral público convidan aos galegófonos a renunciar ao seu código lingüístico. Demóstraselles coa práctica que non é válido para tan altos cometidos. Segue a socavarse a lealdade lingüística do falante. Porque ao se espallar socialmente un modelo oral de distanciamento profúndase no proceso de substitución. A importancia sociolingüística do discurso oral público é, pois, indiscutible, infinitamente superior ao problema da rotulación das lápidas, que parece inspirado polos mesmos que inspiraban a política lingüística funeraria da era Fraga Iribarne. Así o deberan comprender, entre outros, os que deseñan as campañas publicitarias da Consellaría de Industria, por exemplo, ou da Vicepresidencia, auténticos arquetipos dos modelos máis distanciados.

Cómpre que os medios de comunicación muden os seus modelos de oralidade e os aproximen aos dos falantes. Ou, dito doutra maneira, que adopten como propios os modelos dos falantes. Non hai outra. A identificación, fronte ao principio de distancia. Quizais o primeiro paso para tal mudanza é a incorporación de falantes aos lugares en que o discurso oral público toma corpo. Implicaría tamén a constatación social de que o acceso a eses ámbitos profesionais está ligado á competencia lingüística, cousa que hoxe non ocorre. Non existe mellor maneira coñecida de empezar a inverter tendencias substitutorias. Mentres a competencia lingüística non sexa requisito imprescindible para acceder a postos profesionais de prestixio, pouco se terá avanzado na normalización social da lingua. Ou, por mellor entendernos, no exercicio eficaz dos dereitos lingüísticos dos falantes.

Estamos na encrucillada. Ou optamos polo camiño da autenticidade lingüística, ou seguimos transitando á beira dunha farsa que xa é de dominio público. Nese sentido, será fundamental o que vaia ocorrer nas próximas oposicións públicas na CRTVG. Para ben ou para mal. Xa o veremos.

4,45/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...