Ó mellor Aznar non é un fascista. É máis que probable que non o sexa. Sobre todo porque de momento non necesitou selo. Nin a historia nin unha crise terminal do capitalismo o colocaron nesa posibilidade. Ó mellor Hugo Chávez non foi de todo eficaz cando tentou definir o ex presidente español.
Certo é que Aznar acumula nos seus xa dilatados períodos de servizo público moitísimos méritos, suficientes como para que a calquera se lle ocorra a simpleza de lle chamar fascista. Moitos deses méritos farían que algúns fascistas clásicos arrubiasen cunha mestura de rabia e envexa. E non me refiro ós méritos inherentes á súa alta responsabilidade de Xefe do Estado, ou sexa, de Presidente do Goberno, como esa defensa baril de España contra os desviados separatistas ou a súa condición de vítima non mortal (será posible o oxímoro neste caso?) do terrorismo ou a amizade preferente cos Estados Unidos de América, incluídos os pés derriba da mesa de Bush e aquel profundo e filosófico estamos trabajando en ello con acento texano do de verdade. Ou o indiscutible compromiso con Galicia por cousa daquel desgrazado accidente que tiña por nome Prestige, e se non que llo pregunten a Súa Santidade Paco Vázquez. Ou os mortos de Iraq, que alguén terá que os carrexar ás costas. Pero non creo que Aznar sexa exactamente un fascista, aínda que ese cualificativo queira virnos á boca en canto os medios masivos nolo amosan no seu púlpito filosófico de FAES ou asesorando empresas por Latinoamérica adiante ou iluminándonos co seu coñecemento dos lugares por onde pasean os autores dos atentados daquel 11 de marzo en Madrid. E cousas así.
Chávez debeu enganarse ó caracterizar a intromisión de Aznar e o seu goberno na política venezolana e no golpe de estado que puxera durante unhas horas un empresario na cadeira presidencial. Digo eu. Quizais aquilo non era fascismo senón a defensa dos intereses xerais de España. Despois esas cousas das relacións de don José María coas empresas españolas e tal tampouco son merecentes de tan dura cualificación. Xa o dixo un tal Fernando Fernández, economista, nun deses parladoiros matinais da cadea SER: as empresas españolas están no novo mundo só para mellorar o nivel de vida dos pobos latinoamericanos. Para salvalos e civilizalos, vaia. A min tan erudita declaración pilloume zugando no dedo no medio do almorzo; ata esa brillante revelación eu andaba convencido de que o obxectivo das empresas era o lucro, gañar diñeiro e, iso si, liberar aqueles pobos deixados da man divina de populistas como Chaves, Castro, Morales e outros parecidos. Son cousas que pasan, e xa está.
O caso é que Aznar espertou as iras de Hugo Chávez, e entón alá no Cumio Iberoamericano en Chile deulle por empezar a chamarlle fascista. Polo visto, a estes líderes latinoamericanos dálles agora por teimar en que as empresas españolas, filantrópicas como ningunha outra institución no mundo quitada a FAES, a Fundación Francisco Franco ou o FMI, non lles conveñen ós intereses dos seus pobos. E non para de lles dar por aí. Aínda non hai tanto tempo tivo que intervir a Vicepresidenta de la Vega nun conflito que inventou esoutro populista, o Morales, e entón dona María Teresa preocupouse de garantir os intereses españois e que os accionistas das empresas non teñan moitas preocupacións que acumularlles ás xa en por si pesadas cargas que teñen por mor de tan altas responsabilidades e esforzos a prol do ben común. Eficacia, que non? Entón o Presidente do Goberno español, Zapatero, interveu no cumio e pediulle ó venezolano que non se metera máis con Aznar, que volvera ó rego, que así se recuperaba o diálogo e non pasaba nada. Pero como Chávez seguía dálle que dálle, entón o Rei de España emitiu a frase do ano: ¡Por qué no te callas! Despois, cando o Presidente de Nicaragua, Ortega —outra vaca no millo!—, falaba do seu cabreo coas empresas españolas, o Rei ergueuse e abandonou a sala. Que teima lles teñen estes indíxenas ós filántropos hispanos. Desagradecidos!
Agora a frase do ano está xa en todos os lugares. Mesmo nos teléfonos móbiles. Xa se falou da actuación do monarca en todos os medios de comunicación e en todas as tabernas. Escritores e intelectuais, algúns da categoría referencial de Javier Sardá, xa expresaron o seu meditado e profundo punto de vista. Ora, iso non quita o temor ó acordar dalgún oculto sentimento republicano, sobre todo porque a frase do ano está coincidindo con outros transcendentais acontecementos nos circundos da coroa.
Sexa como for, e vaia a onde vaia este abaneo fraseolóxico, calquera observador comprende que hoxe por hoxe hai moitas cousas que separan a Hugo Chávez do Rei de España, á parte da opinión sobre Aznar. Entre todas esas cousas, unha na que ninguén reparou porque se cadra non ten demasiada importancia. Hugo Chávez é Presidente de Venezuela elixido por sufraxio universal. O Rei de España é rei por designación directa de Francisco Franco. Igual ¡Por qué no te callas! non era a frase máis atinada. Igual.
X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »