Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Na oitava edición

Os maiores compartirán experiencias cos mozos no Xuventude Galiza.Net

Do 30 de marzo ao 1 de abril 1.500 seareiros das novas tecnoloxías encherán o Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.

- 18:45 22/03/2007
Tags:
Logotipo de XGN07

Logotipo de XGN07

O encontro Xuventude Galiza.Net chega á súa oitava edición retomando o camiño marcado o ano pasado: o apoio ao software libre e ao uso do galego. O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, anunciaron que as inscricións deste ano volveron ser un éxito, pois o portal da party xa recibiu máis de 50.000 visitas, e as prazas esgotáronse en apenas un minuto.

Segundo os organizadores, no encontro preténdese facer que a mocidade partícipe nos últimos avances tecnolóxicos e fomentar as relacións interpersoais. Ademais, Xuventude Galiza Net será un espazo no que a xente nova comparta as súas inquedanzas e propostas e lle dea saída á súa creatividade.

Novidades
Nesta edición tentarase potenciar o uso das novas tecnoloxías nas persoas maiores, estarán presentes responsábeis de recursos humanos de empresas do sector e haberá conferencias relacionadas co mundo da robótica.
Ademais, triplicarase o largo de banda do ano pasado e estarán dispoñíbeis a nova consola Playstation 3, os novos produtos da compañía Blu:Sens. Os asistentes poderán participar en concursos de batalla en tempo real, case-mod, gráficos en 3D e animación e dispoñerán de actividades lúdicas como simuladores de escalada, golf e esquí.

As conferencias da oitava edición de XGN tratarán sobre rootkits, solucións de seguridade contra os virus, o funcionamento da fonera, diferenzas entre HD-DVD e BlueRay, e Microsoft impartirá unha charla sobre o desenvolvemento de xogos con Direct X.

Xuventude e Benestar
Cela dixo que o seu departamento se encargará de promover a relación entre a lingua galega, a mocidade e un eido en crecemento como as novas tecnoloxías. Así, dentro das actividades programadas está a proxección, o sábado 31 de marzo, do filme Pérez, o ratiño dos teus soños. Amais disto, potenciarase o software libre con conferencias e obradoiros de Linux nos que colaborarán asociacións xuvenís.

Pola súa banda, Benestar tratará de facilitarlles o acceso ás novas tecnoloxías ás persoas con discapacidade e levará cen maiores que participan en ciberaulas de todo o país até o congreso, onde intercambiarán experiencias cos mozos.

Tres días de encontro
As xornadas abriranse a primeira hora da tarde do venres 30 de marzo e pecharanse o domingo. Os mozos de entre 16 e 30 anos que se inscribiron na páxina web poderán acceder á intranet do evento, situado no vestíbulo B do Palacio de Congresos. Alí poderán conectar os seus ordenadores a unha rede interna dun xigabit por segundo e máis de 40.000 metros de cable.

O resto da xente poderá acceder libremente e de balde á extranet, no vestíbulo A, onde haberá postos da Dirección Xeral de Xuventude e das empresas patrocinadoras. Terán a posibilidade de participar en concursos e de asistir a conferencias e actividades.


0/5 (0 votos)