Corenta mil participantes na área de acceso libre, alén dos 1.500 inscritos no recinto oficial. Espazo para a promoción da lingua, para o impulso do software libre, punto de encontro entre as empresas TIC galegas e o currículo de mozas e mozos ás portas do mercado laboral, lugar de unión entre as novas tecnoloxías e o patrimonio cultural. Son algúns dos valores que destacaron o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o subdirector xeral de Actividades e Servizos de Xuventude, Eduardo Mato, sobre o evento que se desenvolveu esta fin de semana en Compostela.
Así queda o campo da (ciber)festa despois de que a romaría remate.
E tal como entraron, as toneladas de cachifallo electrónico van saíndo ordenadamente do Pazo de Congresos de Compostela. Son as 18h e acábanse de apagar as luces. Momento terríbel: péchanse a ducia de billas de alta velocidade da que beberon incansábeis os discos duros durante case sesenta horas. Non desesperen. Daquí nun ano, máis.
Fiou perfecta a rede esta fin de semana en Compostela e apenas ningunha queixa, quitando algúns bandullos que botaron en falta pratos máis espléndidos á hora do xantar. Velaí outra peza audiovisual, desta volta acompañada dun machuco de despedida. Éxito total da XuventudeGalizaNet2007. Vémonos na XGN2008!
Confirmado, a nostalxia dos electrocarricoches de carreiras superou en poder de convocatoria á, presuntamente, electrónica e todopoderosa PlayStation3. O volume de entregados afeccionados buscando quenda para poñérense aos mandos do scalextric sorprendeu fronte ás outras videoxóguicas propostas.
Alexandre González López, pódeno atopar asinando baixo o nome alexandergz en Youtube, envíanos este vídeo coa súa perspectiva audiovisual sobre a ciberfesta. Parabéns!
Iván Palleiro, estudante de informática, envíanos unha escolma de imaxes de onde tiramos esta, retocada por el mesmo. Aquí a súa conta de Flickr. Noraboa!
Aquí a nosa peneira audiovisual deste medio cento de horas de especial en XuventudeGalizaNet.
Da moto ao coche, pasando por sofisticadas naves espaciais e vehículos de exploración de apaixonantes mundos que comezan na pantalla do computador. Moitos medios de transporte para a imaxinación dos seareiros da tecnoloxía. E nun recuncho, velaí un orixinal deseño, baixo consumo, mínima emisión de gases contaminantes, e reciclábel en simpáticos monifates.
"Eu tamén quero saber os trucos". Esmendrelláronse outra vez os participantes de XuventudeGalizaNet coas sutís brincadeiras do Mago Teto, que combina con axilidade o humor e a prestidixitación. Pero tamén os máis cativiños, de visita cos pais na zona de libre acceso, engaiolaron con outras maxias, as da ciencia. "E logo ti que fas?" Velaí o obxectivo dun científico do mañá: "Eu tamén quero aprender os trucos".
Pois si, entre os milleiros de referencias que circulan pola intranet da XGN e entre as nostálxicas evocacións de debuxos animados ou esquecidos filmes seica tamén andan as dalgúns karatecas dos anos 80. En todo caso, o que aquí ven non son nin prácticas de kung-fu nin bailes tradicionais, senón o baile da grulla, o último en pisar o chan cos dous pés será o gañador. Outra orixinal escusa para dar un premio.
No gume das trinta ou corenta horas, quen máis e quen menos, xa lle bota unha topeñada en calquera recanto. A cada guerreiro, no cadaleito e no catre, que lle poñan a bandeira que se gañe ou mereza. En terra de disco duro, a caveira con parche no oco do ollo seica é manto axeitado.
Hai algo para celebrar? Sempre hai algo que ciberfestexar. E que mellor que unha referencia Matrix, híbrido do tecnocinema.
O pingüín é o rei entre a variada fauna que vive esta fin de semana no compostelán Pazo de Congresos. Estamos en escenario claramente entregado ás promesas do outro mundo, mellor, que abrolla co software libre. E se de código aberto falamos, a mascota oficial do kernel de Linux, vén de cumprir de dez anos de idade erixíndose en referencia visual para os practicantes da relixión da alternativa informática. Di a lenda?, que ao Linus Torvalds lle trabara un pingüin cando era cativo, traban os pingüíns? En todo caso, velaí: Tux.
Vaca, pingüín e especie sen identificar, gardando a cancela deste decorado monitor. Exemplo das moitas mascotas na ciberfesta.
Son doce horas de actividade ininterrumpida. Unha ducia de horas petando nos tarecos informáticos. A zona de actividades queda deserta e a calor concéntrase na área oficial dos participantes. Entrando na noite de cheo ferven os computadores e os Heroes preparan café. A megafonía pide apagar as pantallas ao tempo que van esmorecendo as luces do recinto. En breve, nun minuto, será o encendido oficial.
"A robótica: presente e novos horizontes", foi título da conferencia de Xaquín López Fernández, profesor da Universidade de Vigo, e do grupo de robótica e sistemas intelixentes da institución. Vieiros falou con el sobre as posibilidades que abre a innovación no ámbito da intelixencia artificial no cotiá das nosas vidas e dalgunha das aplicacións comerciais onde xa se está usando. Vixiabot é de momento un cachifallo capaz de guiar a un visitante polo contorno de XuventudeGalizaNet, pero quen sabe o que será e a onde chegará no futuro...
Oes doc... de seguro que con isto non podemos viaxar no tempo...? Creo que non, trátase da cpu de Ernesto Castro, de Padrón.
É unha das ideas que quixo expresar na tarde deste sábado Marcelo D'Elia Branco, coñecido experto brasileiro en software libre. D'Elia Branco falou para Vieiros dos obstáculos que a colaboración entre internautas axuda a superar. Camiñamos cara a outro mundo posíbel da man do software libre? Velaquí as súas reflexións.
Na pista central, velaí un colorista redeseño para as antenas do futuro. Ao tempo, quen sabe, alegoría ás enguedelladas voltas e reviravoltas das corredoiras tecnotrónicas polas que andan os internautas. Terceira opción posibel: un sofisticado e aquelado trebello para o relaxamento das espremidas neuronas dos XuventudeGalizaNets.
A CPU de Diego Cifrián, realizada con madera e chapas de ferro
Bautizámolo na edición do ano pasado como a arte de “aquelar o computador”, o que os ingleses chaman “modding” ou “case-mod”. Percorremos o Pazo de Congresos na procura dos pcs máis engalanados e curiosos e descubrimos que este ano o que se leva e a orixinalidade e a reutilización de materiais por enriba da gasto en “desconxelante” e “luceciñas”.
Nas insondábeis fonduras do Gigabyte, alén das inexploradas espesuras dos 1000 Gb aparecen máxicas cifras como o Tebibyte, moitos cerobytes do demo. No momento de escribirlles estas liñas, arredor de media ducia de usuarios comparten en rede cantidades de datos que están por riba dese número. E con todo, aínda hai quen con artesanal paciencia non esquece o valor tecnolóxico e, por que non tamén, decorativo, do cedé, organizábel en vistosas torres.
Peneiramos a rede coa axuda cos compañeiros de Compostela Wireless na procura dos bloggers con bitácora aberta durante o evento. O reconto xa suma tres. Na bitácora de Trazi poden resolver a pregunta do título: 666, endiañado número. En Trucos Debian, un wiki sobre a XGN. E finalmente, Andrés Milleiro e Wolfmaster no especial Trebellos sobre a ciber romaría tecnolóxica. Algún blogueiro máis? Búscanse vacas no blogomillo!
Tirando do ideario proposto polo propio conferenciante antes mencionado, velaí cinco razóns para turrar dun outro software posíbel que contribúa a unha sociedade mellor:
1.O mundo está cheo de problemas fascinantes esperando ser resoltos.
2.Ninguén debería ter que resolver un problema xa resolto.
3.O aburrimento é malo e insoportábel.
4.A liberdade é boa.
5.A actitude non substitúe á competencia
Por que non lle vai servir a certa empresa queimar millóns para cargarse o software libre? Baixo esa idea iniciou a súa intervención Javier Bustamante Doas, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. A continuación, un subliñado desafiante: “Cales son as razóns para a supervivencia da colaboración?”. Na súa opinión, a vella economía atribuíalle valor a algo cando ese algo era escaso. Pola contra, neste novo escenario, cando hai xente que colabora e intercambia, increméntase o valor da rede. Compartir é positivo.
"Do que se tata é de lograr o progreso tecnolóxico sendo nós mesmos, sen perder a nosa identidade" explicou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, durante a súa visita este sábado a XuventudeGalizaNet. Quintana destacou a importancia de que as novas tecnoloxías sirvan como instrumento para conseguir "un uso normalizado da lingua galega entre a mocidade". Tamén salientou o exemplo que eventos coma este fornecen para "rematar co tópico de que as novas tecnoloxías fomentan o aillamento e as actitudes asociais da mocidade".
Iniciativas como Mancomun.org son exemplo dos renovados azos cos que os promotores do software libre traballan en Galiza. Sobre esa aposta hai unha importante conferencia este sábado ás 16h en XuventudeGalizaNet. Baixo o título"O software libre: oportunidade económica, social e cultural", aló falarán Marcelo D´Elia Branco, consultor de tecnoloxía para a sociedade da información; Jordi Mas i Hernández, enxeñeiro técnico pola Universidade de Catalunya; e Javier Bustamante Doas, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Modera a mesa de debate a Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela Martínez.
Un internauta que pillou un dedo nunha porta e un xornalista máis experto coa tecla que con coitelo e garfo, tamén mancado nun dedo, únicas incidencias médicas nas primeiras 24 horas. "Hoxe se cadra hai algún desmaio", agoiran os servizos de urxencia. Na foto: Carlos, Mónica e Teresa.
Así lle queda a cariña a un internauta cobizoso de alta velocidade cando ve como comeza a descargar un arquivo a máis de 10 megas por segundo.
"En internet até hai pouco era máis doado atopar a información cultural de Sidney que do que se fai a pé da nosa casa". Daniel Bañobre, de Compostela Wireless, explicou o proxecto no que traballa este colectivo santiagués. A curto prazo, propóñense a posibilidade de despregar unha ambiciosa rede cidadá, un exemplo do que poden ser "micronodos dunha internet futura, máis racional en recursos e infraestrutura e máis doada de xestionar". A oportunidade para que realmente "nesta sociedade global internet nos permita coñecer os veciños". Máis información na web de Compostela Wireless.
Ás portas do Pazo de Congresos, experiencia graffiteira.
É a internet do futuro, a que constrúen os usuarios por si mesmos, tomando a iniciativa, facendo do cibermundo o que queren que sexa. Son as redes sociais, as que poñen en contacto os cidadáns e facilitan innovadores proxectos colaborativos, relanzando o atractivo de internet, e ademais... "hai moito porno gratis". Explicouno na mañá deste sábado Berto Yáñez, xestor de Chuza.org.
Máis dun cento de persoas maiores chegadas de diversos fogares da terceira idade asisten este ano a XuventudeGalizaNet. Desta volta, deseñáronse actividades específicas para eles, dándolles ademais a oportunidade de poñer en práctica coñecementos que xa viñeron adquirindo nas ciberaulas de residencias e centros sociais e intercambiar experiencias coa mocidade. Avós e netos xuntos na ciberfesta.
Moitos cafés e algunhas cabezadiñas despois, amence un novo día na maior ciberfesta de Galiza. E con ánimos renovados.
Xa é sábado en XuventudeGalizaNet. O xogo de luces de medianoite, é unha tradición no Pazo e unha transición imprescindíbel cara ao novo día. Corren as augas minerais para escorrentar as calores da primeira noite, e os cafés, para espantar o sono. Aínda que malia todo, o sono aínda ameaza pouco. A fortaleza dos seareiros da tecnoloxía está pouco erosionada. Nós, aproveitamos para presentarlles a XGN O'RapMan, incansábel facedor de ritmos que descubrimos a pé de festa animando insospeitados recunchos.
Coa conta atrás, brincaron os seareiros da banda larga dos asentos. E por riba, desde o outeiro da organización chovían agasallos celebrativos. Na imaxe e por tras da bandeira da calivera, vemos a Alexandre Prado, chegado de Lugo até o mesmiño cerne deste XuventudeGalizaNet. Alexandre chimpa ao banco e anima aos compañeiros. Imos!
A empresa galega BluSens, líder na venda de reprodutores mp3, aproveitou o maior evento tecnolóxico galego para presentar a súa máis recente iniciativa. En rigorosa exclusiva, os participantes de XuventudeGalizaNet convertéronse nos primeiros participantes de Blu:Generation. Miguel Churruca, director de marketing da empresa, explícanos as posibilidades desta nova plataforma, que se integra vía wifi e bluetooth cos reprodutores da marca.
Pasalo ben, pero relanzar compoñentes sociais importantes. A salientar: a oportunidade para, a través das novas tecnoloxías, identificar lingua galega con modernidade, e a promoción do software libre como exemplo do modelo de cooperación entre persoas que abrolla en internet. Falamos co director xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, Rubén Cela.
Afondamos na Iniciativa Galega polo Software Libre, Mancomun.org; “Alta definición 10980 líneas”, por Carles Agea; “O desenvolvemento de xogos con Direct/Xna”, por Miguel Ángel Ramos Barroso, de Microsoft Ibérica; a última novidade de BluSens, presentada polo seu director de marketing, Miguel Churruca; “Emprego nas TIC. O modelo Coremain”, a cargo de Ana Álvarez Ramos Barroso, na foto de arriba.
Estás na ciberfesta e tes un blog? Dános conta das túas cibercrónicas a pé da XGN 2007! En colaboración cos amigos de Compostela Wireless estamos buscando aos bitacoreiros, do blogomillo e máis aló, que entre conferencia, videoxogo e ciberactividades diversas están actualizando os seus weblogs.
"E ti que esperas de XuventudeGalizaNet?". Velaí o que nos responderon os ciber romeiros.
Un total de 1.500 participantes, malia que só un 8% de mozas sobre o total. O 86% galegos, a maioría da provincia da Coruña, o 45%, un 26% de Pontevedra, 8% de ourensáns e 6% de lugueses. O resto chegados de todo o Estado: Madrid, Valladolid, Cáceres... Corenta mil metros de cabo, conectando cando menos un equipo por persoa, hai quen trae máis dun, e ducias de computadores de acceso libre para os milleiros de visitantes que se achegan durante estes días ao Pazo de Congresos. Velocidade: 1 xigabit por segundo. Están vostedes en XuventudeGalizaNet.
Avanzada a mañá do venres, hai quen remexe aínda nos miolos do computador. A maioría xa espremen a toda máquina a banda larga. Arredor de dous milleiros de computadores interconectados e millóns de arquivos compartidos. Entre xogos e música... lecer tecnolóxico para todos os gustos antes de que a fame aprete.
"En galego, por que non!". Xa foi lema da anterior edición de XuventudeGalizaNet e está subliñado outra vez en 2007. Aquí vemos aos máis rápidos en montar os equipos de volta e preparados xa para a conferencia de apertura da ciberfesta.
Chegou, viu, falou e triunfou. Exitoso mestre de cerimonias hai un ano, velaí un artista da maxia e a animación de xentes con gañas de festa. O Mago Teto abriu fogo e preparou o ambiente para a conferencia de presentación de XuventudeGalizaNet. Brincadeiras, trucos e retruques en complicidade cun público entregado e durante toda a fin de semana. Bateron forte as palmas os asistentes desde que o Mago Teto entrou pola porta.
Aí os tedes, aínda ben non desfixeron a lazada da maleta e xa están turrando da banda larga a ver o que dá de si. Son as presas da alta velocidade.
Velaí hai exemplo de ciber afeccionados, desenguedellando cabos e interconectando computadores, desparafusador en man.
O feixe de tarecos tecnotrónicos que os seareiros da tecnoloxía achegaron até o Pazo de Congresos fai montaña ás portas da entrada. Velaí os carricoches que argallaron os organizadores para levar as toneladas de computador do coche á mesa.
Todos os resortes da organización ben engraxados para ordenar a entrada de 1.500 persoas. "Non perdas os tickets da comida!", berra un. "Onde prestan as cámaras esas?", pregunta outro. Non se impacienten e esperen quenda. Ninguén vai quedar fóra.
Máximo número de cachifallos tecnolóxicos por metro cadrado esta fin de semana no compostelán barrio de San Lázaro. Ás portas do XuventudeGalizaNet, teclados e discos duros asoman por recunchos insospeitados.
Madrugaron os ciber romeiros para a peregrinaxe até o Pazo de Congresos de Santiago. Hai banda larga abondo para repartir entre todos, pero 1.500 afeccionados ás novas tecnoloxías tiñan posto o espertador para erguérense cedo este venres.
Impulsar o uso do galego no marco das novas tecnoloxías, mirar polo acceso de mozos e mozas con discapacidade ás novas tecnoloxías da información e a comunicación e traballar na promoción do software libre entre os máis novos. Son todos obxectivos fixados xa desde a edición 2006, que marcou un punto de inflexión. Explicábao para Vieiros o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela.
As cámaras de Vieiros acéndense outra vez para buscar a ollada de XuventudeGaliza.net. Como as imaxes valen máis ca as mil palabras. Velaí, en Vieiros TV, un resumo audiovisual de XGN 2006:
Do éxito que en cada edición vai sumando a ciber romaría máis coñecida de Galiza dá conta a rapidez coa que os participantes collen número para estar en Xuventude Galiza Net. Nin un minuto lles leva aos romeiros completar o forumulario e esgotar o número total de prazas. Os seareiros das novas tecnoloxías teñen destaque nos seus calendarios para o día da inscrición. Son os 1.500 máis rápidos co rato.
Hai un ano que axitamos a rede co primeiro especial informativo multimedia que se argallaba por estes pagos. En 2007, Vieiros volve a Xuventude Galiza.Net para seguir afondando neste formato. Unha iniciativa pioneira na internet galega.
Do 30 de marzo ao 1 de abril 1.500 seareiros das novas tecnoloxías encherán o Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.