A Guerra de Sucesión española e a chegada da dinastía dos Borbóns supuxeron a fin da autonomía en Cataluña e no resto de Países Cataláns.
A lingua catalá é o principal sinal de identidade e nexo de unión entre todos os Países Cataláns. Os primeiros textos coñecidos escritos plenamente en catalán datan do século XII. Coa conquista no XIII das Illas Baleares e do futuro País Valenciano, a lingua estabeleceu (con pequenas modificacións no tempo) as súas fronteiras actuais.
Na Baixa Idade Media era o idioma oficial e cultural de todos os Países Cataláns, que constituían xunto co pobo aragonés, a Coroa de Aragón (os termos "catalán" e "Cataluña" eran recoñecidos para se referir a todo o reino). Xa no S.XVI, o castelán comezou a penetrar na sociedade .
En 1659, a Cataluña do Norte foi incorporada a Francia en virtude do Tratado dos Pirineos, e as novas autoridades puxeron en marcha de seguida un forte proceso de francesización. Durante a Guerra de Sucesión española, nos albores do novo século, Cataluña toma partido polo Arquiduque Carlos en contra do novo monarca e da nova dinastía francesa: Felipe V, dos Borbóns.
Malia a forte oposición, o 11 de setembro de 1714 -poucos anos antes fixérano Valencia e Baleares-, Barcelona sucumbiu ante o exército franco-castelán. Felipe V aboliu a constitución e a autonomía catalás.
Renaixença
Durante os séculos XVIII e XIX, a castelanización dos Países Cataláns aumentou, dado que o castelán era a única lingua oficial. Nesta última centuria, coa Renaixença (un movemento similar ao Rexurdimento no noso país), voltou o sentimento catalanista tanto no cultural como no político.
A partir de 1876, coa derrota dos carlistas e o consecuente apoio da Igrexa ao movemento catalanista, o nacionalismo gañou máis forza. Mais este sempre tivo dúas vertentes, a católica conservadora e a liberal.
A segunda gañaría peso coa II República Española, logo da política represiva de Primo de Rivera que en 1925 anulou a autonomía catalá, gañada 12 anos antes. A coalición de esquerda Esquerra Republicana gañou as eleccións municipais de 1931 e dous días despois proclamouse a República Catalá.
Finalmente, as negociacións co Goberno español levaron á proclamación, en setembro de 1932, dun Estatuto de Autonomía, anulado trala vitoria fascista na Guerra Civil (1936-1939). O ditador español Francisco Franco desenvolveu unha política represiva contra o movemento nacionalista.
Durante catro décadas prohibiuse o catalán na administración, no ensino, nos medios de comunicación, nas asociacións e na literatura. O catalán só era tolerado na vida privada. Coa morte do xeneral golpista, Cataluña recuperou certo grao de autonomía, certificado coa creación da Comunidade Autónoma de Cataluña en 1979 (anos máis tarde virían as de Valencia e Baleares, mais separadas da catalá).
En 2006, o pobo catalán aprobou en referendo un novo Estatuto de Autonomía, onde se recoñece Cataluña como nación, e que lle outorga maiores competencias fiscais. Porén, a norma foi recorrida polo Partido Popular no Tribunal Constitucional, que na primavera de 2009 aínda seguía sen se pronunciar sobre a súa 'legalidade'.
Situación actual do catalán
Malia que o recoñecemento legal do que goza é importante, a lingua catalá segue a estar en desvantaxe fronte ao castelán en Cataluña (e en Valencia e Baleares), xa que a diferenza do catalán, a lingua propia de Castela é de coñecemento obrigado, e ademais é oficial fóra do seu dominio lingüístico.
En Andorra, aínda que o catalán é o único idioma oficial do Estado, as condicións sociolingüísticas son semellantes ás de Cataluña. Na Cataluña Norte e na cidade de L'Alguer (Sardeña), incluídas en Estados tradicionalmente contrarios á diversidade lingüística, está en proceso de substitución.