Malia todos os acontecementos do S.XX contrarios ao seu recoñecemento como identidade nacional diferenciada, Moravia mantivo viva a súa identidade dentro do sistema administrativo de Checoslovaquia, primeiro, e da República Checa, despois.
Moravia, herdeira do Imperio da Gran Moravia (S.IX-X), foi a grande esquecida no proceso de federalización de Checoslovaquia de 1969, polo que se crearon a República Checa e a República Eslovaca. O seu territorio, situado entre Bohemia (Chequia) e Eslovaquia, ficou integrado no da primeira a partir dese ano.
Os dereitos nacionais de Moravia foron de sempre ignorados polos checos, e os eslovacos -cos que os moravos manteñen unha maior afinidade histórica e cultural- non interviñeron nos momentos clave no seu favor. As promesas sobre a restauración da autonomía administrativa morava que realizaran os dirixentes disidentes checos durante a época comunista non foron cumpridas polo Goberno logo do desmantelamento do campo socialista.
A partir de 1993, cando checos e eslovacos crean pacificamente cadanseu Estado propio, a República Checa desenvolve unha política de centralización cultural e económica, enfocada a fortalecer a “unidade nacional”, que chega até os nosos días.
O movemento nacionalista moravo agrupouse en varios partidos, o máis importante o Hnutí za Samosprávnou Demokracii-Společnost pro Moravu a Slezsko (HSD-SMS, Movemento para unha Democracia Autónoma-Sociedade para Moravia e Silesia), que nas eleccións de 1990 foi o cuarto partido máis votado en todo o Estado.
Na actualidade, a formación que aglutina o voto dos que arelan maior autonomía ou mesmo a independencia é Moravané (Moravos), partido que goberna nas localidades de Hrabišín, Kosov, Hevlín, Pasohlávky e Tasov e conta cun total de 88 concelleiros en toda Moravia.
Segundo o último Censo de Poboación realizado polo Estado checo, de marzo de 2001, máis dun millón de habitantes (o 9,9 % da poboación) declarou ter unha nacionalidade diferente da checa. Desas, a terceira parte dixeron ser moravos. No entanto, esta cifra roldaba os 1,4 millóns no censo de 1991.
O Moravané argumenta que esta baixada tan elevada se produciu a raíz da manipulación do Estado e da presión dos medios de comunicación. Neste senso, traballa informando os moravos de cara á elaboración do novo censo, en 2011. O recoñecemento por parte do Estado da nacionalidade morava é un requisito estabelecido na Constitución para un hipotético proceso de independencia.
O dialecto moravo como lingua
Outro dos obxectivos de parte do Movemento moravo é o estudo e estabelecemento do moravo -do que non existen textos codificados e que está considerado un dialecto do checo- como lingua.
O Imperio da Gran Moravia, baixo o mandato do príncipe Mojmir I, foi a primeira nación das eslavas en se converter ao cristianismo, da man dos misioneiros bizantinos Cyril e Metoděj. O moravo antigo -filoloxicamente clasificado como “protoeslavo”- converteuse entón na cuarta lingua litúrxica da Cristiandade logo do latín, do grego e do hebreo.
Outra circunstancia que marcou a historia de Moravia produciuse na segunda metade do século XIX, cando centos de miles de homes e mulleres emigraron masivamente a América. A maioría instalouse nos EUA, principalmente en Texas, onde crearon importantes comunidades que serviron para conservar os seus sinais de identidade, entre estes, a fala.