Situada no arco suroriental do Mar do Norte, na Bahía de Helgoland, Frisia antigamente formaba un territorio homoxéneo. O soterramento das súas terras polo mar e a atomización dos Países Baixos dende a Idade Media dividiron o territorio, que se estendía desde o noroeste de Holanda deica o sudoeste de Dinamarca a través de Alemaña.
Dende 1815 as súas terras está repartidas entre Westerlauwersk Fryslân ou simplemente Fryslân (Frisia Occidental, provincia de Holanda), Eastlauwers Fryslân (Groninga, provincia de Holanda), West-Fryslân (comarca de Noôrd-Holland, provincia de Holanda), e as rexións do noroeste de Alemaña East-Fryslân (Ostfriesland, en alemán) e Noard-Fryslân (Nordfriesland, en alemán), así como as respectivas illas.
Os frisios ou frisóns son un pobo de orixe xermánica. Nun período indeterminado da época prehistórica, migraron á rexión costeira do Mar do Norte, situada entre as desembocaduras do Rin (en Katwijk, norte da Haia) e do Ems, e expulsaron os celtas que alí residían.
As características destas terras, continuamente expostas ás incursións do mar, levaron os frisios a construíren diques elevados sobre os que asentaron as súas vivendas. Pouco a pouco, cando as mareas o permitían, foron levantando máis murallas protectoras que lles deron a posibilidade de cultivar as terras baixas.
Frisia foi colonia romana dende o século I ao V. Rebeláronse contra o Imperio no ano 28, e malia seren derrotados, volveron gañar a súa independencia uns poucos anos (41-54) na época do emperador Claudio. Posteriormente, anglos e saxóns invadiron o país no seu camiño cara a Inglaterra.
Non é até esta época, arredor do S.VII, cando máis visíbel se fai a existencia dun Reino de Frisia. No S.VIII, os francos de Carlomagno conquistárono, converténdoo ao cristianismo. E durante os cen seguintes anos, o pobo frisio sufriu os ataques dos viquingos.
En 1250, a parte oeste ficou baixo control dos condes de Holanda. Parte dos territorios do leste estiveron dominados pola cidade de Groningen (actual provincia holandesa), que rexía o bispo de Utrecht, e parte formaron un condado da familia Cirksena de 1454 a 1744, cando pasou a formar parte do Reino de Prusia. As terras medias, a actual Frisia Occidental, mantivéronse autónomas deica finais do Medievo.
As cidades frisoas de Stavoren, Bolsward, Leeuwarden e Dokkum formaron parte libremente da Liga Hansa, a primeira alianza comercial na Historia de Europa, que se desenvolveu arredor dos mares do Norte e do Báltico.
O feudalismo non chegou a botar raíces aquí, en base ao lema “Todos os frisios nacen nobles”. Rexeitando interferencias foráneas, os labregos frisóns foron quen de se gobernaren cun grao de liberdade insólita na Europa medieval. Porén, logo de varias guerras, Frisia sucumbiu finalmente en 1524 ao emperador Carlos V.
Durante a Reforma, os frisios convertéronse ao protestantismo. Frisia participou na revolta do norte dos Países Baixos contra o Reino de España, e converteuse en provincia da República de Holanda, tal e como se estabeleceu na Unión de Utrecht, en 1579. Dous anos despois recuperou a súa independencia, cunha representación labrega, e volveuna perder para sempre, até o de agora, en 1795.
Nacionalismo frisón
O nacionalismo frisón nace no S.XIX e nos últimos cen anos céntrase na defensa e recoñecemento da súa cultura propias, especialmente da lingua. Na década de 1980, na Frisia Occidental e no Estado holandés, o status da autonomía frisoa foi tema de debate durante anos.
Actualmente, a principal formación política en defensa da identidade frisoa é o Fryske Nasjonale Partij, na Frisia Occidental. E en menor medida, en East-Fryslân (Alemaña), o partido Die Friesen; e en Noard-Fryslân, o SSW.
Tamén, dende 2003, a organización Groep fan Auwerk leva a cabo diferentes accións a prol da independencia de toda a Frisia histórica, entre outras a elaboración da bandeira en 2006, rexeitada no entanto, polo Consello Iterfrisio.