A historia de Flandres como territorio diferenciado comeza no ano 862 cando Balduíno I se converte no seu primeiro conde. En 1384 o último dos seus sucesores morre sen un herdeiro varón. Dende aquelas e durante séculos, Flandres vai mudando dun estado europeo a outro. En 1830 a maioría dos territorios flamengos -algúns fican en Francia e en Holanda- acaban en Bélxica, un país artificial creado para separar dous eternos inimigos, Alemaña e Francia.
O Reino de Bélxica, constituído na actualidade como estado federal, está dividido en tres comunidades lingüísticas: a flamenga (neerlandófona), a francófona e a xermanófona (ao leste, na fronteira con Alemaña, Holanda e Luxemburgo), con competencias ligadas á lingua empregada en cada unha destas zonas.
Ao mesmo tempo, tamén está dividido en tres subdivisións administrativas ou rexións autónomas, con importantes competencias económicas. Estas son: Valonia, francófona, no sur; a rexión bilingüe de Bruxelas-Capital; e Flandres, que unifica as institucións administrativas e as da comunidade lingüística flamenga.
O Estado belga comeza a evolucionar progresivamente cara ao federalismo a partir dos anos 60, logo das crecentes demandas de descentralización por parte dos movementos flamengo e valón. En 1963 fixouse unha fronteira lingüística administrativa que pouco a pouco se converteu en política.
Os conflitos lingüísticos van a máis, en entre 1968 e 1969 chegan ao seu cénit coa escisión da sección francófona da Universidade de Lovaina, e a creación dunha nova cidade, Louvain-la-Neuve, en territorio valón para acoller a nova Universidade Católica de Lovaina.
En 1970 fórmanse as comunidades lingüísticas, en 1980 as rexións de Flandres e Valonia e, finalmente, en 1995 a rexión de Bruxelas-Capital, capital histórica flamenga, segregada polo Estado e onde habitan máis dun millón de persoas. Todas estas división foron ratificadas legalmente ao máis alto nivel na reforma constitucional de 1993.
A cidade-rexión, onde avance do francés é case imparábel, está rodeada por un distrito electoral, o BHV (Brussel-Halle-Vilvoorde, en flamengo, ou Bruxelles-Hal-Vilvorde, en francés), que pertence á provincia flamenga de Vlaams-Brabant, e non á capital, mais onde hai maioría de francófonos.
O BHV concentra gran parte da poboación que traballa en Bruxelas-Capital, onde tamén teñen a súa sede a Comisión Europea e outras institucións da UE e organismos internacionais.
As cidades con maior número de habitantes de Flandres son Bruxelas, Amberes, Gante e Bruxas. Lille, actualmente en territorio francés, foi unha outra importante cidade flamenga. A rexión Flandres-Este é unha das de Europa con maior densidade de poboación.