A Romaxe convócanos a súa trixésimo primeira celebración. Volve onda as súas orixes, a un tiro de pedra do pedregal de Irimia. Nas súas sucesivas edicións poida que se congregasen máis de cincuenta mil persoas diferentes. E con todo, trinta e tantos anos despois, cando a romaxe volve ás terras da súa orixe percibimos as mesmas ameazas e presións, persecución solermiña ou descarada.
O 13 de setembro andaremos de festa todas as irimegas e irimegos pois esa é a data da XXXI Romaxe. Temos a sorte de celebrala nunha zona fermosísima: o concello da Pastoriza, cabeceira do río Miño e que, coma escribiu hai ben pouco Carlos G. Reigosa, “é un miradoiro privilexiado das altas terras da Corda e dos verdes vales que se abren á Terra Chá, a comarca da que forma parte. Nas súas beiras montañosas sepáranse as augas que desembocan no Cantábrico e as que aflúen ao Miño, o río pai que fecunda a Nosa Terra e remata a súa longa travesía no océano Atlántico. Unha terra que hai cincocentos anos Vasco de Aponte chamou ‘brava’ e que hoxe está habitada por homes e mulleres amantes do seu, que souberon converter A Pastoriza nun fermoso espazo de grande riqueza gandeira e agrícola”.
(Nota: ao final do artigo hai unha ligazón ao mapa da zona e máis unha breve explícación de como chegar).