Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tag: directobng

1/Marzo/2009 /

“Estou á disposición do BNG”, espeta Quintana

A breve comparecencia do candidato nacionalista á Xunta de Galiza non contentou aos xornalistas que, insistentemente, lle piden unha quenda de preguntas á súa responsábel de prensa. Sen facerse de rogar, Quintana accede e, de xeito improvisado, ao carón do atril que estaba disposto para a ocasión e ante os micros de decenas de medios, resposta ás cuestións dos xornalistas máis avezados. Cal é a autocrítica que se pode facer? Espétalle unha correspondente dun medio madrileño. “Temos que meditalo con calma”, di Quintana nun plural que non abandona, “non pode pretender que faga agora unha análise profunda, haberá que estudalo con calma”. Vai dimitir? Pregunta outro espelido reporteiro. “Estou á disposición do BNG”, responde o candidato, mentres os flashes e os focos das cámaras se dirixen cara el. “Gustaríanos que os resultados fosen outros, estabamos moi ilusionados”, di, “pero a xente decidiu, e hai que aceptalo. Igualmente tivemos milleiros de votos, o que nos obriga a seguir adiante”. As análises, os debates, e as decisións... quedan para mañá.


1/Marzo/2009 /

“Despois de laiarnos, é o momento para reeditar o noso compromiso con Galiza”, di Quintana

Non se fixo agardar. En canto rematou a comparecencia de Emilio Pérez Touriño, que captou a atención de todos os presentes, Quintana apareceu na sala, rodeado de Francisco Jorquera, Ana Pontón e Francisco Rodríguez. Cun xesto desencaixado e ante os berros de BE-ENE-GA que fixeron oír na sala os militantes e simpatizantes que seguiron a noite electoral, o líder nacionalista informou de que xa chamara a Alberte Núñez Feijoo para felicitalo polos resultados. A partir de aí, e ante a atenta mirada das decenas de medios de comunicación que, ateigados, agardaban as reaccións, o nacionalista agradeceu os apoios recibidos e reeditou o seu compromiso de “manterse ao carón da xente”. “Despois de laiarnos, a partir de mañá será o momento de demostrar o noso compromiso con Galiza”, dixo.


1/Marzo/2009 /

Fracaso rotundo, din os simpatizantes

Fracaso, decepción, resignación... estas son algunhas das palabras que máis se escoitan na sala que o BNG habilitou para seguir a noite electoral. O aínda presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, enche a pantalla de televisión e anuncia que os comicios electorais están perdidos. As caras dos asistentes volven a dicilo todo. Agora son moitos os coñecidos nacionalistas os que ateigan a sala: Pérez Lema, Ruben Cela, Francisco Jorquera... A comparecencia de Quintana é inminente.


1/Marzo/2009 /

As caras: entre o nerviosismo e a decepción

“Van gañar outra vez”, son os comentarios máis pesimistas que se escoitan na sala na que o BNG segue a campaña. Son fundamentalmente xornalistas que seguimos atentamente os resultados nas pantallas de televisión e tamén na web electoral. Dos representantes políticos, nada se sabe. Porén, os responsábeis de prensa do BNG e os simpatizantes, que os hai, non disimulan o seu desacougo ante os datos xa confirmados. As caras dino todo: as facianas tristeiras e o xesto esquivo son comúns a moitos, que agardaban, de seguro, outras estatísticas. Mentres, nada se sabe de Anxo Quintana. A súa comparecencia está prevista sobre as dez na noite. Só queda agardar.


1/Marzo/2009 /

As enquisas, con reservas

As pantallas da Televisión de Galiza son agora focos de atención sen competencia. Provincia a provincia imos coñecendo os resultados das enquisas, que son estimadas con reservas dende a sede do Bloque Nacionalista Galego. O Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Xoan Antón Pérez Lema, comenta con algúns xornalistas que estes datos non deben preocupar: “hai catro anos estes datos tampouco nos favorecían”, di, mentres confía nunha remontada igual á de entón. Mentres, as televisións conectan en directo para coñecer os últimos detalles, que non son moitos. A impaciencia comeza a ser común entre os presentes.


1/Marzo/2009 /

“Felicitámonos pola nosa campaña limpa e en positivo”

Sobre o incremento de participación é sobre o único que se manifestan, até o de agora, dende o Bloque Nacionalista Galego. O seu secretario de organización, Alberte Ansede, compareceu hai uns minutos ante os xornalistas para agradecerlle o seu voto a aqueles que confiaron no BNG. Nada que dicir sobre as enquisas, que son agora as protagonistas de todos os comentarios. Dúas grandes pantallas sintonizadas na Televisión de Galiza van adiantando prognósticos mentres chaman a atención de todos os presentes. Mentres, chegan aos poucos diferentes dirixentes do partido, entre os primeiros, a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero.


1/Marzo/2009 /

Quintana agarda os resultados no Pazo do Carme

Nunha sala chea de xornalistas e sen máis representantes do BNG que os responsábeis de prensa, os comentarios e apostas entre os redactores enchen as horas previas ao coñecementos dos resultados. O candidato nacionalista, Anxo Quintana, atópase xa no hotel, segundo adiantan algúns dos compañeiros que o puideron ver: “sen moitas ganas de falar e con bufanda”, descríbenmo. Mentres, os xornalistas imos acomodándonos nunha sala que, inicialmente non estaba pensada máis que para as comparecencias, mais na que case todos estamos pulsando o ambiente.


1/Marzo/2009 /

Vieiros informa en directo desde a sede do BNG

A dirección da formación política vive a cita desde o Hotel Pazo do Carme