Como cidadá, muller e galega, resúltame especialmente preocupante comprobar como os enfoques “patriarcais” dirixen as políticas de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. Un 80% dos traballos relacionados coa saúde e os servizos sociais están desenvolvidos por mulleres (segregación do mercado laboral), confirmándose de este xeito que actualmente as mulleres incorpóranse ao mercado laboral en sectores ligados a estereotipos femininos, reflectido tamén na elección de estudos. Sectores pouco recoñecidos profesionalmente, suxeitos a temporalidade, financiados con subvencións.... sectores de precariedade laboral. Evidenciase de este xeito unha “discriminación indirecta de xénero” na que decisións políticas, aparentemente “neutras”, poñen en desvantaxe funcións, dereitos e responsabilidades relegadas convencionalmente ao sexo feminino.
Cando se destinan orzamentos sociais integramente a prestacións económicas, despedindo a profesionais con funcións e tarefas como o apoio ás familias, a protección da infancia, a promoción da igualdade, estáse contribuíndo á “invisibilidade” das mulleres posto que estase a cuestionar o “valor produtivo” das súas funcións e tarefas ao considerar que non contribúen ao desenvolvemento dun pais; ao consideralas “prescindibles”.
As políticas de igualdade (o enfoque transversal de xénero) implican un posicionamento ético político que reforza e inviste nos sectores tradicionalmente desenvolvidos polas mulleres, o que se coñece como políticas “positivas”, estratexias europeas que non parecen coñecer os políticos que nos representan cando anuncian despedimentos de profesionais en ámbitos sociais desenvolvidos principalmente por mulleres, ou quizáis ¿estas funcións por "insignificantes" poden ser asumidas "a maiores" por funcionarios/as da Xunta? Ou , sendo o suficientemente importantes ¿ ofertaranse de novo estas prazas? (¿por que gastar “de novo” en procesos selectivos?) ou, para que non repercuta no servizo ofertado ¿sub -contrataranse servizos privados? (comercializando os dereitos sociais)...segregación laboral de xénero, discriminación indirecta, invisibilidade, maltrato institucional...
Gustaríame rematar lembrando a diferenza entre “poder” e “autoridade” termos moi relacionados coa historia da humanidade. A “autoridade” está relacionada co respecto, o prestixio e o recoñecemento; o “poder”, o está coa capacidade para que alguén faga algo independentemente de que estea o non de acordo.
Decisións tomadas dende a Concellería de Traballo e Benestar, como a difamación de traballadoras/es do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o despedimento de 61 profesionais, evidencian, sen dúbida, o significado do “poder” pero manifestan a escasa “autoridade” no desenvolvemento de políticas de igualdade e benestar, perpetuando un “autoritarismo” máis propio de lonxanos países patriarcais que de estados democráticos que camiñan cara ao recoñecemento dos dereitos sociais.
Guadalupe del Pino Villamarín (Compostela)