Coa manifestación en prol do galego - á que me sumo de verbo ad verbum - pasou algo desapercibido o anuncio (case) oficial da sucesión ao trono do último principado galaico: Baltarland. No é que fora sorpresa, que non o foi, sabiamos, de sobra, que "todo queda atado y bien atado". Tal for o caso que nas derradeiras horas xurdira algún cordel aínda desamarrado, repetiría Papa Doc e problema solucionado. Eu son dos que cre que non queda nada por atar.
O asunto é que Baltar Blanco "aspira a liderar o PP ourensán". Anunciouno observando meticulosamente as formas máis correctas e comedido nas palabras: "aspira". As linguas, como fenómenos vivos que son, reclaman o dereito a adquirir novas voces, e aínda novos usos para as vellas palabras; de aquí en diante a forma verbal "aspira" sutilmente ha abranguer usos e oficios que ninguén lle contaba. Non obstante, se "aspira" aspira ou non a engrosar a lista das palabras homógrafas é mellor deixalo para outro día. E indo ao conto, eu estou segurísimo que na superficie o proceso ha ser eminentemente democrático, pulcro cos reclamos da normativa legal, e tolerante coas catro gorxas que acheguen algunhas reminiscencias dalgo que poida semellar un disentir. Non ha quedar unha voz por escoitar nin un voto por contar. Que a ninguén se lle ocorra pensar que isto é Corea do Norte, onde a cadeira de Déspota Supremo da República pasa de pai a fillo sen tan sequera darlle á cidadanía o respecto dun simulacro. Kim Jong-il, que herdou a cadeira de súe pai, xa elixiu entre a súa proxenie o seu sucesor como Déspota Supremo da República. En Ourense han ter eleccións, democráticas, limpas, transparentes, para xa despois elixir claramente ao fillo de Baltar. Faltaría máis. O proxecto do sucesor ha ser "sobre todo, galeguista". Mais iso, claro, se papi dicide non volver presentarse, pois de presentarse, a servil pepeada de Ourense indubidablemente ha erguer a man en unísono para aclamalo, como é devido.
Si, xa..., aquilo da presunción de inocencia. Indiscutible. A presunción de inocencia é algo sagrado, incluso no que atinxa a Baltarland. Ha ser difícil atopar na normativa legal algo máis meritorio dunha defensa total absoluta e inequívoca. Non obstante, dende unha observación que intenta ser obxectiva - que Deus me axude -, a dereita parece que aínda arrastra algunhas das mañas inculcadas nos anos da gran desfeita, abonde con observar como se está labrando esta sucesión. O nepotismo caciquil, experimentado nas décadas do tempo e xa sabio e maduro, sabe moverse dentro da normativa legal con absoluta impunidade, e sendo -como é - alleo a ética e a boa conducta -que xa non as boas formas-, seguen sen ter impedimentos que freen os seus instintos depredadores. Velaí o problema de Ourense e de gran parte do noso rural. Non hai Garzón que o remedie; a endogamia é outra cousa. É por iso que en Galicia hai pouca ou ningunha esperanza de normalidade democrática namentres agardemos por accións xudiciais que a faciliten; aquí a única esperanza é o espertar do electorado. E aí, ¡vállame Deus!
Andan con máis fortuna por aí por esoutros lugares onde os corruptos aínda non adquiriron os refines galicianos, facilitando así as intervencións xudiciais, e con elas, culpables ou inocentes, xa non é o máis importante. O importante e que hai quen vixía, e mentres haxa quen vixíe non lle han dar á corrupción a oportunidade de madurar aos niveis endogámicos que tanta dor e pobreza nos trouxo e segue traendo a tantos anacos do noso país. Sinto envexa dos valencianos, madrileños, mallorquinos, e non sei que outros, que a sorte a deles. Onde a corrupción é simplemente iso, corrupción, os corruptos son identificados e sometidos ao imperio da lei, regresando partidos, institucións, e a sociedade no seu conxunto, á normalidade democrática.
Con todo, e aínda que semelle o contrario, non é este un ataque ao PP, nin creo que o PP sexa nin máis nin menos proclive á corrupción ca calquera outro partido. Estou seguro que nos casos illados de corrupción - e creo que son illados - a xustiza ha prevalecer. O que si me preocupa, profundamente, é esoutra corrupción que aínda segue depredando, completamente amparada pola lei: a endogamia, o nepotismo, e sobre todo esa maldición que abrangue todo o máis vil, déspota, mesquiño e desprezable que poida fecundar no corazón humano: o caciquismo.
Xoán Vázquez, Nova Jersey, USA xoangvazquez@yahoo.com