Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Oportunismo, si; mesquindade, se cadra …

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Oportunismo, si; mesquindade, se cadra …

Oportunismo, si; mesquindade, se cadra …

  

Enviada por cissjgv cissjgv o 06/08/2009 16:16

Oportunismo, si; mesquindade, se cadra ......

Fraude, non.  Non serei eu -ou se cadra si- quen lle leve a contra ós persoeiros da cultura que nos argumentan que "o dano está feito",  e, mesmo, que xa é "irreversible". Siloxismo desafortunado. Dano, si; irreversible, nunca. Os ataques ó máis emblemático do noso patrimonio non son nada novo, e seguimos aquí. Sementar na conciencia da nosa xente un estado de derrota irreversible é bastante máis daniño cá máis  desnortada e oportunista das enquisas.

Que no que atinxe á fala é lamentable a maneira de pensar -quizais maioritaria- da nosa sociedade, para min é indiscutible. É comprensible a adhesión ó castelán? Pois claro que si. Eu, nado nunha aldea, incapaz de soster unha conversación en castelán ata xa ben entrados os catorce ou quince anos, sinto aprecio e adhesión a esta fermosa lingua que, coma case todas, en case tódolos recunchos do mundo, foi imposta. Esa imposición, xa repousada na historia, é de supoñer que puido haber deixado algunhas cicatrices na conciencia individual e colectiva do de Nós. Eu mesmo lembro miña nai (cando me levaba ós médicos a Santiago) humillada loitar como podía para expresarse nunha lingua que nin era dela nin coñecía nin sentía. Eu -e coma min moitos- podo afogarme nunha charca de resentimento ou celebra-los novos tempos, e mesmo disfrutar dunha das linguas máis traballadas na historia da humanidade. Esa decisión cada un de nós ha ter que toma-la súa, sen odios nin resentimentos, e, sobre todo, sen medo. Non obstante, aí quedou esa cicatriz. Para sempre. Na hei borrar. Heina levar comigo, testemuño permanente de que o pasado si sucedeu. Mais, máis real có pasado é o agora e aquí (esa mestura do presente continuo, do pasado inmediato, e do futuro que xa alborexa), e no agora e aquí os odios e mailos resentimentos sobran todos. E sobran todos porque no agora e aquí é onde se ha labrar o futuro, e o futuro reclama bases moito máis sólidas cás sementadas no resentimento. E é lamentable que os pais non lle deran ó galego -como mínimo-  a mesma deferencia que lle outorgaron ó castelán: unha cousa é rexeita-la inmersión lingüística e outra, moi deferente, é rexeita-la lingua autóctona do país; iso non se pode explicar. E como non se pode explicar ten que ter o seu berce en fobias irracionais. Fobias que temos que axudarlle á xente a superar.   Pero sumar erros non nos ha acaroar máis á solución. E  tamén é lamentable, mesmo un erro,  que moitos compañeiros galeguistas progresistas falen de fraude onde todos sabemos que non houbo tal cousa, alomenos non no sentido estricto da palabra. Se a consulta de Núñez Feijóo foi un erro, que o foi, e coma todo erro só pode suscitar dano. Non obstante, quede claro, as reaccións de sectores progresistas ó suxerir que en Galicia poida haber fraude nunha enquisa tampouco lle han facer moito ben ó país. Iso tamén é daniño, e potencialmente pernicioso: equiparar a nosa integridade democrática coas chapuzas das repúblicas bananeiras. A chapuza está no feito e non nas formas.  Falemos pois de oportunismo, que si o houbo, e  moito, quizais incluso algo de mesquindade. Mais o oportunismo non é fraude, e por desgraza para todos xa é inherente á política do cotián. 

Nestas época de desesperación económica é fácil confundirnos ós pais, que o único que procuramos é que no futuro haxa futuro para os nosos fillos. Ó reduci-lo galego a un simple instrumento de comunicación, pois claro que sofre en comparación co castelán e co inglés, e a preocupación a que os fillos non sexan empregables lévanos, guiados polo medo, a reaccións irracionais, tal é fuxir do maís grande patrimonio do noso país: a lingua galega.

É responsabilidade colectiva de todos nós afastarnos das lerias infructíferas e poñernos a traballa para retransmitirlle ás nosas familias a confianza enraizada na sabenza de que a acepción do galego non reclama renunciar a absolutamente nada (enténdase castelán e inglés).  E mesmo axudarlle a entender que ese gran patrimonio que nos une e define é a máis grande  fonte de solidariedade, o fío que mantén ó país unido; velaí a súa utilidade. Non hai maior garantía de futuro ca solidariedade.

Foi unha desafortunada e oportunista consulta, nin máis nin menos. Afastémonos dos despropósitos e poñámonos a traballar para que quede niso.  De fraude non falemos, o noso sistema democrático merece ese mínimo de consideración.

Xoán Vázquez, Nova Jersey, USA  xoangvazquez@yahoo.com  


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: