Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires en Betanzos e os dezasete anos do pasamento do músico Arxentino Ástor Piazzolla

  A maxia que os escritores Arxentinos amosan nas historias porteñas, os feitos da multiculturalidade da cidade de Bos Aires reflicten no son da música do bandoneonista e compositor Ástor Piazzolla. Ceibe coma un paxaro o compositor arxentino emprendeu o voo ao mundo e rematou as moitas viaxes polos distintos países nos que ficou, cunha longa estada na cidade de Paris, á que regresou nun exilio voluntario, que o poría no poleiro das vangardas no anovamento musical, co tango-jazz.

Enviada por osimon osimon o 10/07/2009 01:53

  A maxia que os escritores Arxentinos amosan nas historias porteñas, os feitos da multiculturalidade da cidade de Bos Aires reflicten no son da música do bandoneonista e compositor Ástor Piazzolla, quen salientaba polas sentenzas ao respecto da súa ollada do tango clásico, fincando que a súa se non é tango, é a música de Bos Aires de seu.

O día catro de xullo na cidade de Betanzos, ao abeiro do Via Stellae, VI Festival de Música de Compostela e os seus camiños e mesmamente no camiño Inglés, nesta vila tan vencellada á emigración, de xeito especial cara a Bos Aires, un anaco daquela cidade da emigración nesta beira do charco, estivo presente na gorentosa interpretación do Ensamble Iulius XIII. Ceibe coma un paxaro o compositor arxentino emprendeu o voo ao mundo e rematou as moitas viaxes polos distintos países nos que ficou, cunha longa estada na cidade de Paris, dende o ano 1970 a os primeiros meses do ano 1990.

O paradoxal deste concerto na cidade de Betanzos, a que tantos de seus fillos botou á emigración, milleiros cara á Arxentina, dende os finais do século dezanove até preto do fin da década do sesenta do pasado século vinte. Achámonos o día no que fan dezasete anos do seu pasamento, escoitando a música de Bos Aires composta por un arxentino que tamén foi emigrante, porén coma sucedeu cos nosos contra-la súa vontade, a música que engaiolou a moitos destes, seica algún deles hoxe retornados canda a nos, no concerto.

Dende a cidade de Mar del Prata onde naceu o 11 de marzo do ano 1921, as viaxes ao estranxeiro foron de cotio nunha vida que o levou na nenez cos seus pais como emigrante a Nova Ior, e anos despois á aprendizaxe da música clásica en Paris coa profesora Nadia Boulanger, a que lle aprendeu a calidade da súa música do tango e avalioulle o súas maneiras de compoñer. A cidade á que regresou nun exilio voluntario, outra quenda a emigración, por mor das ameazas dos puristas do tango arxentino na década dos setenta, seica así e todo o establecemento na cidade lus o poría no poleiro das vangardas no anovamento musical, co tango-jazz.

A súa tarefa como compositor que comeza nos anos cincuenta, abrangueu toda-las mesturas coas outras músicas dende a clásica ou o jazz, produciu unha forte inquedanza noutros músicos e interpretes, co feitizo das fugas e o contrapunto do nomeado tango moderno, do saxofón ao vibráfono, das cordas do violín ou o cello, até o son saudoso e o sentimento nostálxico do bandoneón.

A primeira xuntanza de músicos, o chamado Quinteto novo tango, bandoneón, piano, violín, contrabaixo, e guitarra do que saen as Catro Estacións Porteñas, homenaxe do compositor a o músico do barroco Antonio Vivaldi, aínda coa pegada da cidade de Bos Aires, ou a Serie do Anxo. Un feixe de composicións baseadas nos pasaxes das obras dos escritores Jorge Luis Borges, O home do recuncho rosado, Ernesto Sabato, o limiar a Encol de heroes e tumbas, co poeta Horacio Ferrer, a Ópera María de Bos Aires, Balada para o tolo, as colaboracións co violoncellista Yo-Yo-Ma, coas versións do Libertango, novas viaxes a Nova Ior, ás estreas co Cuarteto Kronos, ou o Concerto para cello e piano adicado ó músico Mstislav Rostropovich, con Piazzolla ao piano mailo homenaxeado ao cello.

Chegaran logo outros conxuntos musicais, enchendo as fasquías sonoras, co Sexteto novo tango, o Octeto de Bos Aires, ou o Noneto, mailos concertos como solista coas principais orquestras sinfónicas, coma é o Ensamble Bos Aires, Adeus Nonino, composta de xeito elexíaco e homenaxe pola morte do seu pai, Le Gran Tango, Bos Aires tres movementos sinfónicos, Tres minutos coa realidade, A serie do Diaño, Calambre, Bos Aires hora cero, A suite Troileana, unha lembranza do seu mestre, o bandoneonista Aníbal Troilo, O concerto de Nacar para nove tanguistas e orquestra filharmónica, Tango cero hour, Concerto para bandoneón e orquestra, así como a música de preto de corenta películas, e máis de tres centos tangos compostos a esgalla nos últimos anos da súa vida.

Ao tempo que Ástor Piazzolla espalla o seu prestixio na cidade de Paris e noutras nacións europeas, Alemaña, Italia, chegan os recoñecementos do eido da música no resto do mundo, as xiras polo Xapón, os EUA, logo de anos de esquecemento na Arxentina, e convidado nos década dos oitenta a unha das catedrais da música clásica, o Teatro Colón de Bos Aires. Abofé chegan as adiadas expresións de gratitude, os serodios recoñecementos no seu país de nacemento, logo dunha salientable colleita de premios no estranxeiro. A cidade de Bos Aires concédelle o titulo de cidadán ínclito, a Fundación Konex, unha sociedade de persoeiros de empresa que promove recoñecementos ás artes mailas ciencias, outórgalle en dúas quendas nos anos 1985, Konex de Platino e 1986, Diploma ao Mérito, xa logo da súa morte, a mesma fundación lle conferiu de xeito póstumo o premio Konex de Honra, que recolle a súa viúva no ano 1995.

Por mor dunha grave doenza, unha trombose cerebral que o ten ao lonxe do mundo dende o ano 1990, a derradeira viaxe, a de retorno deste teimudo emigrante, faia seica contra o seu desexo no ano 1992 á cidade de Bos Aires, na que morre o día catro de xullo, feito do que hogano cúmprense os dezasete anos.

BETANZOS
Aula municipal de cultura do edificio Liceo, sábado 4 de xullo
Ástor Piazzolla e o tango intelectual

As catro estacións porteñas
-Outono porteño
-Inverno porteño
-Primavera porteña
-Verán porteño
Adeus Nonino
Oblivion
Escualo
A morte do Anxo

Ensamble Iulius XIII
Alfredo Gómez Sieiro, clarinete
Jorge Montes, violín
Liudmila Shevyakova, piano


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: