De novo o alcalde Pontedeume informa (La Opinión) da autorización que a Consellaría de Educación outorga para facer uso do campo de fútbol dun instituto como aparcadoiro para coches. Esta vella idea merece o rexeitamento da comunidade educativa por ceder un espazo de uso escolar para aparcar vehículos durante o verán, período que se extendería robablemente á calquera época vacacional.
Hai varios meses a Consellaría de Educación estaba pendente da decisión que tomase o Consello Escolar do centro antes de aprobar ou denegar o uso do campo como aparcadoiro. O certo é que o Consello Escolar aínda non se manifestou en ningún sentido e vai celebrar en próximas datas unha reunión para estudar o ofrecemento do Concello de Pontedeume. Así que esta nova ofrecida agora polo alcalde ou é prematura ou significa un cambio de actitude por parte da Consellaría que decidiría pasar das decisións vinculantes da comunidade representada no consello Escolar.
Antepoñer o uso dos coches ás prácticas deportivas da xuventude eumesa só pode ser apoiado por mentes descerebradas para as que o deus automóbil segue sendo o centro de atención da actividade diaria. Se xa foi unha barbaridade permitir o uso da Alameda para estacionar vehículos esta nova medida, de ser certa, demostraría a pouca atención que os políticos prestan ao lecer dos cidadáns e ao medio ambiente.
Contradictoriamente a Consellaría de Educación promulgou a obrigatoriedade de que os centros escolares permanecezan abertos durante a época estival para que a comunidade educativa poida disfrutar das súas instalacións realizando actividades deportivas ou culturais. O campo de fútbol citado sempre foi un centro de reunión para centos de rapaces que accedían a el fóra do horario escolar para disfrutar do xogo. Un dos escasos lugares que lle queda á xuventude eumesa que foi vendo como pouco a pouco se lle ía privando de espazos para deleitarse cos xogos e aprender a relacionarse socialmente.
O uso do campo como aparcadoiro implicaría ademais un deterioramento do mesmo que o imposibilitaría para actividades deportivas. Non abondan as promesas de restituír o terreo ás condicións iniciais cando a herba é arrasada e os lodos, aceites e combustibles invaden un espazo verde. Todo o contrario do que as administracións deberían fomentar: o uso racional dos vehículos e o repecto polos parques e instalacións deportivas.
(Tirado de: http://sospontedeume.com)