Até o 31 de maio está aberta esta exposición na Fundación Luís Seoane, da Coruña
A Fundación Luís Seoane, na Coruña, inaugurou a exposición “Luz instantánea, fotografías, itinerarios e saudades”, do cineasta ruso Andrei Tarkovski, que integran oitenta fotos polaroids súas, que tomou entre 1979 e 1984 nos arredores da súa dacha, e en diversos lugares de Italia.
Andrei Tarkovski (1932 - 1986) e Sergei Eisenstein son recoñecidos como os directores rusos máis importantes de todos os tempos, e os seus nomes aparecen nas páxinas de ouro da historia do cinema.
O fillo de Andrei Tarkovski, quen reside en Florencia, Italia, onde está o Instituto que leva o nome do seu pai, e dedícase a promover e estudar a obra deste gran artista, e que tamén ten sedes en París e Moscova, estivo presente na inauguración da mostra, cuxos comisarios son Alberto Ruiz de Samaniego e José Manuel Mouriño.
O director Andrei Tarkovski, quen realizou filmes como A infancia de Iván, Andrei Rublev, O espello, Solaris, Stalker, Nostalxia e Sacrificio, entre outros, faleceu lonxe da súa patria, en 1986.
As fotos polaroids que vemos nesta mostra teñen características moi próximas ao seu universo cinematográfico.
A exposición da Fundación Luís Seoane, primeira deste tipo que se fai en España, estará aberta até o 31 de maio.