Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A Xunta endurece os requisitos das prestacións sociais ante o aumento de solicitudes pola crise

Dende o Servizo de Información de Dereitos Sociais de Coia presentamos esta campaña de protesta polo recorte das axudas sociais dirixidas aos colectivos máis empobrecidos e afectados pola crise.

Enviada por realidade realidade o 17/04/2009 09:08

Hai unhas semanas podiamos ler na prensa o seguinte:

"A Risga a solicitaron 2.668 familias en 2008 -un 21% máis que en 2007-, mentres que a prestación de emerxencia a demandaron 3.301 -un 10% máis que o pasado ano-.

Presentáronse case 6.000 solicitudes de axuda, a Xunta resolveu 5.641 e decidiu conceder a prestación económica a 3.884 demandantes, o 68,85 do total, correspondendo 1.712 á Risga e 2.172 á axuda por unha situación de emerxencia.

Estas axudas supuxeron ás arcas autonómicas un desembolso de 19 millóns de euros."

Antes de falar destas axudas queremos explicar a que nos referimos cando falamos destas axudas:

-Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) "é unha prestación social de carácter periódico destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción constituído por un conxunto de accións tendentes á mellora da integración persoal, familiar, social e, se é o caso, laboral da persoa beneficiaria".

-Axuda de Emerxencia Social (AES) son "axudas económicas de pagamento único, destinadas a paliar situacións de emerxencia que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente. Para os efectos desta norma considéranse situacións de emerxencia social aquelas que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente non cubertas polos diferentes sistemas de protección".

Tendo máis ou menos claros estes conceptos volvemos á nova publicada polos xornais. Dende a Xunta confirman o aumento de solicitudes nos últimos meses de RISGA e AES; os motivos do aumento e que moitas persoas ao quedar sen traballo, perder o paro, con débedas, etc. acoden aos servizos sociais na procura de respostas aos seus problemas económicos. Ante esta situación, segundo informan os funcionarios da Xunta, a resposta da administración está a consistir no endurecemento dos requisitos de solicitude destas axudas, baixo o discurso do esgotamento dos orzamentos. Do mesmo xeito sabemos que dende a Xunta fixeron chegar ás traballadoras sociais do concello de Vigo unha circular na que se especifican aqueles casos nos que, ata novo aviso, as axudas serán denegadas.

A todo isto hai que engadir outros problemas que se viñan arrastrando: atrasos de máis de catro meses nas resolucións das RISGAs e AES, contías insuficientes que non chegan a cubrir as necesidades básicas, numerosos atrancos no proceso de solicitude, control das vidas dos empobrecidos, etc.

Estas son as respostas que nos dan para resolver a crise, mentres estamos fartos de escoitar os millóns de euros que recibirán bancos e grandes empresas, mentres Vigo convertese nun gran buraco onde caerán os cartos para "humanizar" a cidade (5 millóns de euros para cambiar beirarrúas en Coia os mesmos cartos que ten de orzamento anual o departamento de Benestar Social do Concello de Vigo), mentres centos de persoas viven nas rúas da cidade ante a ausencia dun albergue público, etc.

Fronte a esta conxuntura seguimos a defender unha vida máis humana baseada na xustiza e na igualdade, na que as nosas necesidades básicas non dependan da vontade deste sistema; e dentro desta lóxica estamos a prol da implantación da Renda Básica das Iguais (RBis). Enténdoa como o dereito de todos e todas a percibir unha contía periódica (unha parte en man e outra en gasto colectivo) que cubra as nosas necesidades básicas.

O modelo de RBis que defendemos ten as seguintes características:

- Ser unha renda individual (non familiar)
- Ser universal (non contributiva e para todos)
- Ser incondicional (independente do nivel de ingresos e do mercado de traballo)
- Ser unha contía suficiente que ha de chegar alúmenos ao limiar da pobreza.


Asinan: Servizo de Información de Dereitos Sociais de Coia, Asociación Caleidoskopio e Grupo Axitación Social


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Xunta endurece os requisitos das prestacións sociais ante o aumento de solicitudes pola crise