Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GALIZA NOVA CONVOCA CONCENTRACIÓN ANTITAURINA

Galiza Nova convoca unha concentración antitaurina para mañá domingo 12 de abril ás 17.30 perante a praza de touros móbil de Padrón

Enviada por gzncantitaurina gzncantitaurina o 12/04/2009 00:17

  Galiza Nova antitaurina: F@rtos da barbarie colonizadora!
O vindeiro 12 de abril celebrarase novamente un festexo taurino no Concello de Padrón. Perante esta situación, Galiza Nova vese na obriga de amosar o seu máis firme rexeitamento a este tipo de espectáculos, non só polo feito de sermos ecoloxistas, defensor@s dos animais, e xa que logo profundamente antitaurin@s, senón tamén porque somos unha organización soberanista e polo mesmo, sentimos un profundo desprezo polos diversos instrumentos, que con maior ou menor sofistificación, pretenden afondar na alienación cultural que sofre o noso pobo, para perpetuar o seu estado de colonización.Nesta liña,  estamos radicalmente en contra de que este tipo de actos bárbaros se leven a cabo en calquera parte do mundo, e moito máis na Galiza. Mais non se debe cinguir a nosa análise unicamente ao plano ecoloxista da cuestión, porque se na Galiza hai touradas, é porque os sectores máis reaccionarios do país, os máis entregados á causa do españolismo, estimulan, incentivan, cando non promoven directamente esta práctica sádica cos animais, co gallo de fortalecer artificialmente vínculos identitarios coa metrópole española.Éste é sen lugar a dúbidas, o motivo de continuar con festexos economicamente deficitarios.
Non só é sadismo, que tamén. É a ideoloxía imperialista a que está detrás da extrapolación destas  prácticas sanguinarias. Asi, no nome sacrosanto da Patria Española, son sacrificados miles de animais para o regocixo da divinidade. De nada serve a firme oposición do pobo galego a este tipo de espectáculos. O stablishment español radicado na Galiza, decidiu fai tempo estimular os procesos de inculturización e de socialización das iconas e valores españois, mediante a aniquilación da cultura autóctoctona e a súa substitución progresiva pola foránea.
Para maior indignidade, o Concello de Padrón, en plena época de crise e cando o noso país esta imbuído nunha vaga de ERE's, desemprego...non dubidou en empregar 12.000€ das arcas municipais para posibilitar un festexo que doutro xeito, sen tal colaboración, sería inviábel economicamente.
¿Cantos investimentos básicos para o noso Concello se deixarán de executar para financiar o circo sanguinario das elites españolistas en detrimento dos intereses das maiorías sociais? ¿qué clase de implantación ten  esta cultura da morte na Galiza? ¿non é acaso un  esforzo intencionado e obstinado por asimilarnos identitariamente a unha cultura imperialista que nos é en todo punto allea?, ¿non é a vontade uniformista a que inspira medidas deste tipo?
Son moitas as cuestións que se cernen sobre esta problemática, mais para nós a resposta é clara.
As touradas non son arte, nin cultura. Están baseadas na tortura, no sufrimento e  na crueldade premeditada cun animal indefenso. A tauromaquia é portadora dos valores máis reaccionarios, o goce coa sangue, co maltrato animal e co uso inxustificado da violencia. É o corolario da iconografía rancia e decrépita de España, é o símbolo do folclore bárbaro e decadente, é  o paradigma da estética patriarcal e a súa perpetuación dos roles, aínda que para nós sexa igualmente repugnante o asasinato dun animal a mans dun home  ou dunha muller.
Con todo, nunca insistiremos o suficiente en que se esta festa é imposta contra vento e marea, é porque é un festexo españolízante. A idiosincrasia da "festa taurina" non está articulada en nome da realidade social, e cultural de Galiza. O obxectivo que persigue é a integración do pobo galego nunha realidade que lle é de todo punto allea coa intención de borrar a nosa conciencia colectiva e reforzar as actitudes asimilistas.
Xa o dicía Castelao:  ¡Lástima de bois!


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



GALIZA NOVA CONVOCA CONCENTRACIÓN ANTITAURINA