Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Envurullada nunha forte rifa política, Arxentina lembra os 33 anos do golpe militar do ano 1976

  O día 24 de marzo do ano 1976 remataba co asalto ao goberno constitucional nun acto de sedición e a imposición dun poder supremo coa aplicación do terrorismo de estado, o secuestro, a tortura, a desaparición forzada e morte de persoas con preto de 30 mil vítimas desaparecidas e mortas polas forzas da represión salvaxe. O feito da ditadura xenocida, nomeada PROCESO DE REORGANIZACIÓN NACIONAL, convertese nun alicerce para-la instalación dun modelo económico neoliberal de rapina que impulsou o endebedamento externo, a destrución da industria nacional ao tempo que eliminou a sangue e fogo toda-la resistencia na poboación e disolveu as sociedades sindicais. Arestora a sociedade democrática, esixe máis aló das declaracións principistas, aínda o xulgamento de todo-los represores e responsables dos delitos de lesa humanidade.

Enviada por NorbertoVarelaCalvo NorbertoVarelaCalvo o 24/03/2009 23:51

  O día 24 de marzo do ano 1976, cunha forzada saída nun helicóptero dende a Casa Rosada sé do goberno Arxentino na cidade de Bos Aires, a presidenta constitucional María Estela Martínez (Isabel Perón), viúva do xeneral Juan Perón, morto no exercicio da presidencia da nación dous anos antes, fincouse no país unha longa e sanguenta ditadura até o ano 1983. Remataba co asalto ao goberno constitucional nun acto de sedición e a imposición dun poder supremo coa aplicación do terrorismo de estado, o secuestro, a tortura, a desaparición forzada e morte de persoas, o roubo regrado de nenos, o incautamento do patrimonio dos detidos, xa que poucos dos verdadeiros terroristas sobreviviron ou foron xulgados, xustificando desta maneira unha chea de novas e presións no eido dos estamentos militares máis algúns ocos da sociedade civil economicamente dominante, a complicidade da clase política e a igrexa católica ao respecto da necesidade de dar pulo a loita clandestina, contra-la nomeada guerrilla subversiva, que xa executaren de xeito solapado co consentimento dos persoeiros do goberno democrático.

Aínda o feito da ditadura xenocida, nomeada PROCESO DE REORGANIZACIÓN NACIONAL, convertese no alicerce da montaxe dun modelo económico neoliberal de rapina que impulsou o endebedamento externo, a destrución da industria nacional ao tempo que eliminou a sangue e fogo toda-la resistencia na poboación e disolveu as sociedades sindicais. Logo de transcorridos sete anos con preto de 30 mil vítimas desaparecidas e mortas polas forzas da represión salvaxe e milleiros de poboadores mergullados na pobreza, sen fogar nin emprego, medrou de xeito salientable o numero de esfameados e a inseguridade persoal. O devandito modelo puxo de xeonllos ao país fronte aos EUA e ás potencias económicas do mundo, os meirandes conxuntos económicos do país e as multinacionais convertéronse en acredores do estado Arxentino e levaron coa complicidade do goberno golpista a débeda financeira externa a máis de 50 mil millóns de dólares daquelas.

A ditadura, co apoio de Henry Kisinger, exportou o sistema que promoveu o nacemento de gobernos ditatoriais na maioría das nacións latinoamericanas, onde estendeu o artellamento da represión coa sinatura de acordos cos gobernos dos países da veciñanza para se fornecer o aparello do terrorismo do estado na rexión, coma resposta aos movementos revolucionarios e de liberación dos diferentes países e a prol da restauración dunha política económica conservadora coa prioridade dun estado capitalista.

Arestora a sociedade democrática, esixe máis aló das declaracións principistas, aínda o xulgamento de todo-los represores e responsables dos delitos de lesa humanidade poren o cumprimento da lei de derrogación dos decretos de indulto, ditados nas datas do ex presidente Carlos Menen, a aparición dunha incerta cantidade de fillos dos desaparecidos, algúns deles nados en catividade e outros roubados polos represores canda a detención dos seus pais, o xulgamento de toda-las persoas que foron autoridades con mando nas forzas da represión nos anos da ditadura, os persoeiros ca dende o estado deron pulo ao proxecto económico de espolio, a verdadeiros delitos financeiros e a corrupción, que aínda non foron xulgados e seguen a facer negocios no país.
 
Coa finalidade de evita-lo esquecemento, o día 24 de marzo é non laboral no país, diversas xuntanzas lembraran os feitos, a asociación das NAIS da praza de maio da liña fundadora subliñou a necesidade do impulso das pescudas polos trinta mil detidos desaparecidos, salientando ca só nove mil deles foron identificados até agora, outras asociacións coma as AVOAS e os familiares dos detidos por razóns políticas, os FILLOS dos desaparecidos, o CELS, centro de estudos legais e sociais e o sindicato CTA, central de traballadores arxentinos adheriron á solicitude e pediron o xulgamento dos xenocidas xa que a meirande deles fican ceibes, o goberno convidou co gallo da lembranza, e no día nacional da memoria pola verdade e a xustiza, á presentación dunha mostra fotográfica ao respecto do terrorismo de estado, o partido Unión Cívica Radical, na oposición, convocou unha conversa periodística con persoeiros da loita, na nova democracia, contra-la represión da ditadura, e xuíces do tribunal que xulgou ás xuntas militares.

  A sociedade Arxentina fica hoxe dividida, e nun conflito coa realidade histórica, uns dende o anonimato dos blogues ou dende certa prensa escrita fan unha afervoada defensa da ditadura chantándolle á democracia os erros e as fallas que hoxe amosa a vida cidadá, coas eivas da economía e os efectos da crise máis o desemprego, outros cunha ollada progresista lembran que os efectos da ditadura penduran ata hoxe nunha sociedade con atrancos de convivencia, pouco afeita á democracia e a tolerancia, a pesares das pegadas dos padecementos dos que viviron agochados ou sufriron a represión, así como do testemuño dos ca deberon fuxir do país polas ameazas de morte e ficaron anos sen poder retornar.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: