Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O medio ambiente, un negocio privado e de política de escaparate

Comunicado da Plataforma Sindical de Axentes Forestais (CCOO, CSI-CSIF e UGT)


Os axentes forestais de Galicia queremos manifestar no Día Mundial do Medio Ambiente que o que debería ser unha mostra de utilización de novas tecnoloxías, mecanismos de control, colaboración con países, institucións, educación cidadá e unha celebración para resaltar os valores do medio ambiente, a mellora da conciencia para o respecto dos valores ecolóxicos e forestais, está claramente encamiñada cara ao negocio e o lucro.

Enviada por SN_CCOO SN_CCOO o 05/06/2007 12:55

A sociedade galega debe ser consciente de que as directrices emanadas desde a Consellaría de Medio Ambiente e a do Medio Rural poñen a xestión en mans privadas cando debería exercela a propia Administración. Isto non deixa de ser unha demostración de intereses políticos pouco claros e de certa incapacidade na xestión pública deste goberno de dous partidos, pois estase pondo en mans de empresas como TRAGSA a xestión da riqueza ecolóxica e forestal de Galicia, en detrimento de todos os galegos e galegas.

A incompetencia, o lucro e escuros intereses políticos dos cargos da Consellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Medio Rural fan que só atopen a fórmula de xestión e protección dos valores ambientais incentivando estas empresas e creando dependencia económica delas. O persoal e efectivos da Administración non están dotados dos medios e ferramentas precisos para exerceren os labores que farían que estes valores naturais estivesen tutelados dun xeito público, directo e efectivo.

Así, logo de baleirarse de traballo, agora venden a xestión dos bens públicos como é o medio ambiente, que pasa a estar en mans de empresas que unicamente procuran o beneficio económico por riba de todo, destruíndo postos de traballo público, e todo isto sufragado co diñeiro de dos galegos e das galegas, co que nos sae aos contribuíntes moito máis cara esta forma de 'xestionar'.

A Consellaría do Medio Rural tamén está a aplicar este tipo de políticas escuras e de escaparate cunha privatización que xa resulta intolerable: a xestión do ámbito público - a través da empresa Seaga- dos gravísimos incendios forestais que Galicia padece, asunto que ten unha clara incidencia ambiental sen comparanza posible.Os Axentes Forestais levamos 130 anos protexendo e defendendo o medio. Como profesionais na materia, atesouramos a maior experiencia neste ámbito e observamos perplexos o que se está facendo coa xestión e protección deste ben, a modo dunha mera xerencia especulativa e interesada, polo que o día de hoxe para nós é un día de negocio e de política barata. Un novo negocio: o medio ambiente.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: