Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Reflexións sobre "Galicia Bilingüe"

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Reflexións sobre "Galicia Bilingüe"

Reflexións sobre "Galicia Bilingüe"

Ás portas da manifestación en Compostela o día 8, é necesaria a unión de tódalas forzas nacionais para combater pacíficamente a xenreira españolista dos membros de "Galicia Bilingüe".

Enviada por ismalonso ismalonso o 31/01/2009 00:16

Dende hai uns meses os galegos e galegas vimos presenciando unha inquedante paranoia colectiva protagonizada polos membros de “Galicia Bilingüe”. Fortes campañas publicitarias ateigaron as nosas rúas berrando ós catro ventos a precaria situación do castelán, lingua imposta, en Galicia. Persoalmente tiven a oportunidade de conversar cun dos membros que, educadamente, tentou convencerme de estar no lado bó. Os argumentos empregados: os de sempre. O falso presuposto dunha imposición do galego no ensino e na Administración pública, que son as dúas únicas razóns nas que se basean estas xentes tan advenedizas. Como todos sabemos e repetimos, a situación é totalmente a contraria. Malia as diversas e insuficientes leis que se teñen feito ó respecto, o galego no ensino é un idioma residual que tende cada vez máis a unha marxinalización moi grave para o noso país. Partindo dista evidencia, e presumindo a mínima intelixencia dos señores e señoras de “Galicia Bilingüe”, que é o que queren? Baixo esa facha de bilingüismo non agochan máis que involución, reacción e xenreira cara sí mesmos. Aproveitan a situación eleitoral para darse a coñecer e crear un problema onde non o hai enganando a miles de galegos que se sitúan nesa franxa ideolóxica coñecida como centro (?). Os que coñecemos a xente pertencente a este colectivo sabemos moi ben das súas verdadeiras inclinacións españolistas derivadas dun auto-odio secular. Persoas prepotentes e chulas que baixo ese manto de neoliberalismo light argallan os disparates máis inverosímiles para facerse oír.

Ó cabo disto, estamos estes días a asistir ós preparativos da manifestación do próximo día 8 en Compostela. Lonxe das polémicas sobre a asistencia ou non do Partido Popular, este acto constitúe un claro reto para os que pensamos e sabemos do seu erro. Respetando sempre o seu dereito a manifestarse, os galegos orgullosos de selo non podemos consentir a desunión das nosas forzas nacionais por máis tempo. Este feito contribúe a que en España só vexan unha parte do debate. Deixémonos de rémoras, loitemos pacíficamente a prol da nosa lingua nacional, a prol dunha normalización sen empezos; rápida e eficaz. Non debemos deixar pasar o tempo; por nós mesmos e pola nosa nación que é e será sempre Galicia.


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: