O sábado 27 de decembro a Asociación Cultural Lefre de Caldereta de Ferrol, celebra o 3º aniversario da asociación cunha cea e festa rachada no restaurante de Fimo (A Malata), onde se entregarán os premios Caldereta de Honra e Caldereta do Ano.
Lefre ten tres anos. Naceu o 28 de decembro de 2005, o Día dos Inocentes, así que todo o de Lefre de Caldereta é unha inocentada. A orixe é un grupo de amigos que nos reuniamos para tomar as cervexas e que botaba en falta en Ferrol un pouco de cultura de base.
O do nome ten que ver coa nosa filosofía. Lefres de caldereta eran, na Bazán de Ferrol, o último pinche do escalafón da empresa. Eran aqueles aprendices de máis baixo nivel que lles chamaban lefres porque os enxeñeiros franceses lles chamaban no seu idioma “lebres” e os ferroláns adaptárono á súa maneira. O de caldereta era porque ían sempre con ela e á hora do xantar saían aos portais de Esteiro e pedían aos veciños que llas quentaran para comer. Nós pretendemos homenaxear a esa figura culturalmente: Lefre de Caldereta é o último eslabón da cultura, e queremos ser iso porque aí comeza a cultura, pois a cultura ten que chegar aí abaixo.
Damos unha caldereta do ano, outorgada a aquela persoa, física ou xurídica, que se caracterizara, ao noso xuízo, durante ese ano por algo que a nós nos pareza que hai que honrar ou homenaxear, e unha caldereta de honra que se dá a toda unha vida ou unha traxectoria, sempre con Ferrolterra como ámbito. O primeiro ano démosllo ao lefre por antonomasia, Siro López; e a Javier Gómez Noya, que viña de gañar o campionato do mundo. O segundo ano dímoslle o de honra a Os Cempés, pois ademais anunciaron a súa retirada; e o do ano á sección de vela tradicional do Club do Mar de Ferrol pola organización dos Encontros. Este ano xa está aprobado pola xunta, que llo daremos á Sociedade Galega de Historia Natural o de honra pola súa traxectoria, máxime neste ano no que tantos problemas tiveron e teñen co Museo da Natureza, queréndolles mostrar así o noso apoio. O do ano darémosllo á Asociación de Veciños Val de Esmelle polo Proxecto Esmelle, que foi premiado en Europa e pola rede Agade, polo seu labor de posta en valor do seu patrimonio material e inmaterial, e, con máis razón, por seren eles xente que está traballando directamente, día a día, para recuperalo, pois esta actitude conecta totalmente coa filosofía de Lefre de Caldereta.
Para apuntarse á cea só tedes que chamar aos seguintes números: 619 804 677 / 646 028 249 ou mandar un correo electrónico ao enderezo: lefre@lefredecaldereta.com co voso nome apelidos e alcume.A cea celebrarase a partir das 21 horas do sábado 27 e terá un custe de 25€ por persoa. Aboarase no lugar.
Non podedes faltar!!
Ás e os lefres do mundo, SAÚDE!!
A.C. LEFRE DE CALDERETA