En relación co conflito laboral no Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o sindicato Comisións Obreiras (CC OO) critica que a empresa pública estea a transmitir «información sesgada» sobre o mesmo. Para o ADIF, a orixe do conflito é a decisión da empresa de contratar persoal de apoio, «cando a realidade nos indica que a súa pretensión é externalizar o servizo de venda ao mellor postor», denuncian os representantes dos traballadores.
A Federación de Comunicación e Transporte do sindicato (FCT-CC OO) indica que se o ADIF precisa máis persoal, o que debe facer é pór en marcha a Oferta Pública de Emprego anunciada no segundo trimestre deste ano e que, porén, está paralizada. «Respondendo á dita oferta presentáronse máis de 3.000 solicitudes que a día de hoxe seguen a esperar unha resposta. É posible que unha empresa pública poida xogar con tanta xente e facer coma quen que non pasa nada?», pregúntanse desde a organización sindical.
Por último, FCT-CC OO salienta o alto índice de participación na folga de onte nas estacións de viaxeiros de todo o estado que están baixo a responsabilidade do ADIF. Porén, segundo o sindicato, a pesar de que a mobilización estivo apoiada por case o cen por cen do persoal convocado, «a empresa segue a facer oídos xordos ás demandas das traballadoras e traballadores».