Un, cando abre o xornal, ten por costume ler as noticias. Como toda a xente, supoño. O outro día, cando o fixen, fiquei nunha que dicía que descubriran unha nova vacina contra a Sida. Despois metíanse nunha teima de anticorpos que non toca comentar agora. Dita vacina era un alivio para o paciente con VIH, pero non facía que deixara de ser terminal. Descoñezo canto tempo levan os científicos á procura da cura da enfermidade, pero é visto que non a atoparon e que, hoxe por hoxe, Sida e morte son sinónimos.
Algo parecido pasa co galego, un idioma terminal. Igual que a Sida, vaia. A vantaxe que ten a nosa lingua é que ten cura e que, ademais, esta é sorprendentemente simple. A enfermidade do galego desaparece con falalo. Así de fácil. Falar en galego fai que o galego viva. Hoxe os que o facemos aínda somos maioría e no meu caso persoal, espero vivir aínda moito tempo. Pero ocorre que son unha especie en extinción: o neno-barra-adolescente que fala en galego. Ese é o verdadeiro problema da nosa lingua, pois supoño que os velliños irán finando porque non creo que á morte lle apeteza facer mudanza no seu costume, así que o asunto é desolador. Un declárase optimista, e nisto do galego prometeuse a si mesmo non renderse xamais, pero non por iso vai cambiar o panorama. Coido que a verdadeira magnitude deste movemento de castelanización da xuventude galega aparecerá nuns trinta anos, quizais, cando fale en galego unha pequena porcentaxe da poboación, que represente aos románticos nacionalistas (que seremos un ou dous. De independentistas, nin falar), a aqueles que manteñen un núcleo de resistencia nos pobos de vinte habitantes e aos políticos que nunca a falaron nin a defenderon fóra do parlamento (e daquela xa empezarán a abrollar os que nin a falen, nin a defendan dentro del). Quedarán, simplemente, vestixios dunha lingua desaparecida, esvaecida e á que deixaron morrer. Non vou para estadista, pero pode que non ande moi desviado. Sen xente moza que o fale, con políticos coa etiqueta do autoodio e mesmo coa división dentro e fóra do nacionalismo entre a opción da RAG-ILG e o reintegracionismo ou o lusismo; moita opción a ser optimistas non hai. De feito, atreveríame a dicir que non hai ningunha. A lingua tivo mala sorte dende o momento que lle tocou nacer. Resulta que foi facelo no único sitio do mundo onde o habitante autóctono é galego. Si, xa sei que andamos por todo o mundo, pero esa é outra cuestión aparte. Xusto o momento da historia que debería ser máis positivo para o noso idioma está a se converter no que o mate.
Verán vostedes, formo parte do departamento de normalización do meu instituto. Non darei o nome porque non me parece relevante. Feita unha enquisa a alumnos de primeiro da E.S.O. (doce e trece anos) e de primeiro de bacharelato (dezaseis e dezasete anos, entre os que me inclúo), o resultado é moi triste. A porcentaxe de alumnos que falan a nosa lingua habitualmente chega a un nove por cento (9 de 93) no caso dos de bacharelato e, sorprendentemente, nun dezasete nos da E.S.O. (14 de 81); aínda que só un o fai exclusivamente, o que dá a entender... o que vostedes queiran entender. O panorama é aínda máis desolador no caso da lingua que empregan no colexio cos compañeiros, pois en primeiro de bacharelato só o empregamos un oito por cento (8 de 96) (tres, en galego exclusivamente). O peor dato da enquisa chega nesta mesma pregunta para os de primeiro da E.S.O., curso no que só un alumno usa o galego e ningún o fai exclusivamente. Pobriño. Non sei quen é, pero supoño que falará en castelán cando se vexa desesperado ou como un becho raro. Entendan tamén o que queiran entender. Por outra banda, o chamado “papel mollado” decreto sobre a lingua do ensino acada resultados de nulo éxito no primeiro de bacharelato, cun catorce por cento do alumnado que fale en galego cos profesores (12 de 85). Sorprendentemente, podería nesta mesma pregunta para E.S.O. chegar o optimismo (moderado, claro está), pois teñen o galego como lingua principal cos docentes un trinta e cinco por cento (26 de 76), falan as dúas linguas un corenta e cinco (34 de 76) e só emprega o castelán un vinte e tres por cento (18 de 76). O problema aparece cando saen da clase, que volven ao castelán. Isto é para o que serve este decreto. Vaia merda.
Na enquisa, tamén existía un apartado para preguntar sobre a actitude dos alumnos perante a lingua. Aquí si que é onde pode non aparecer o pesimismo, aínda que optimismo tampouco haxa; pois esta non é tan mala como no resto de preguntas. Claro está que non é coma para botar fogos de artificio e que unha lingua non sobrevive de actitude, senón de falantes, pero é o que hai. Da enquisa, que vostedes poden ver no enlace de abaixo, cabe destacar un par de preguntas. Cren, en primeiro de bacharelato, que o galego é moi útil un oitenta por cento (77 de 96) e que o galego debería falarse máis un setenta e seis por cento (73 de 96). Nesta primeira pregunta, na E.S.O., a porcentaxe marcha a un oitenta e un (65 de 80) e na segunda a un oitenta e un (65 de 80, tamén). Por último, tamén demostran os alumnos o respecto pola lingua, faltaría máis, considerando un noventa (85 de 94) e un oitenta e catro por cento (67 de 78) que a xente que fala en castelán non é máis intelixente que a que o fai en galego, en primeiro de bacharelato e da E.S.O. respectivamente. "El gallego está muy bien, es muy útil, se debería hablar más... Pero que lo hablen otros: yo no."
De ser extrapolábeis estes resultados á poboación galega, que non vexo por que non, aínda que se terían que matizar algúns detalles; o panorama é o que hai. Estamos a falar de Ourense, non do Ferrol e, por outra banda, referímonos a xente de trece/dezasete anos. Non me quero imaxinar como está a cousa na primara. Incríbel. Despois, xorden asociacións dicindo que o castelán está perseguido e que se quere impoñer o galego; cando a nosa lingua está máis morta que nunca e camiña cara a desaparición. Eu cágome en Galicia Bilingüe. A sociedade galega realmente non está concienciada do actual problema e moito me temo que o vai facer tarde. Este dezaoito de maio iremos á manifestación pola lingua, berraremos, cabrearémonos, algúns energúmenos romperán cristais e contedores e volveremos a casa. Despois, todo volverá a ser como antes. Somos galegos, non podemos facer nada.
Para rematar este artigo, quero facelo sacando uns versos dun poema de Benedetti:
Qué les queda por probar a los jóvenes
en este mundo de paciencia y asco?
Solo grafitti? Rock? Escepticismo?
También les queda no decir amén,
no dejar que les maten el amor,
recuperar el habla y la utopía.
Aínda podemos loitar pola utopía da lingua.