24 de maio de 2007. 700.000 € por cada posto de traballo: así calqueira fai negocio!. A macroacuicultura industrial resulta un investimento moi lucrativo para as grandes transnacionais do peixe como PESCANOVA ou STOLT. Aos
baixísimos custos laborais derivados dunha cativa criazón de postos de traballo (a maioría en precario) hai que engadir as
inxentes subvencións públicas para esta actividade. O investimento previsto na planta de Mira en Portugal vai situarse en torno aos
140 millóns de €. Destes, uns
45 millóns serán subvencións públicas directas, o que significa o 32% do investimento, sen contar coas subvencións indirectas para milloras tecnolóxicas, infraestruturas de distribución, rebaixas de impostos...).
Todos estes cartos para criar, segundo dí a empresa, uns 200 postos de traballo directos e 100 indirectos (nun primeiro momento chegouse a falar de 1.300). Aténdonos aos datos, ADEGA dubida de que este número sexa real, xa que outros proxectos xa construidos e en funcionamento na Galiza, non ocupan como moito máis que a unhas 20 persoas por planta, até un total de 270 en todas as fatorías galegas (datos do propio Clúster da Acuicultura). Tendo en conta as cifras que a propia empresa publicita a bombo e platillo, temos que cada posto de traballo na piscifatoría de Mira sairá a uns 700.000 €, dos que o erario público desembolsará 225.000 euros. Isto significa que a PESCANOVA, a administración portuguesa lle pagará con cartos públicos o salario completo dos traballadores (estimamos 15.000 € ao ano) durante nada máis e nada menos que
15 anos.
Este feito, ademáis dun despilfarro intolerábel de cartos públicos, supón unha forte inxustiza social e un agravio comparativo: a calquera pequena empresa lle gustaría acceder a esta liña de axudas de privilexio.
Alén da chantaxe descarada á que PESCANOVA tratou de someter ao governo galego, ameazando coa deslocalización dalgunhas das súas prantas se non se atendían as súas esixencias, a empresa está agora tentando intoxicar á opinión pública galega e portuguesa con campañas mediáticas dando a entender que o proxecto de Mira está xa en marcha. Na realidade, o único que hai de momento é que o governo portugués está regalando cartos públicos a PESCANOVA, sen agardar aos informes de viabilidade ambiental do proxecto. Todo un exemplo de governo “amigo”.
Os trámites necesarios para aprobar o estudo de impacto ambiental seguen sendo unha dúbida. Pero a experiencia doutros casos en Galiza indícanos que o goberno portugués vai tentar violar a lexislación ambiental europea e darlle para adiante a un proxecto do que xa é socio, caia quen caia.
Unha vez máis, ADEGA advirte de que a destrucción do medio ambiente a maior gloria dun progreso mal entendido, acaba máis cedo que tarde pasando factura e provocando atraso económico. Puidémolo comprobar durante os últimos 30 anos con ENCE-ELNOSA, que sacrificou a riquísima enseada de Lourizán a cambio de cheiros, cloro e mercurio.
O desenvolvemento sustentábel pasa por aproveitar racionalmente os recursos naturais, socializando os beneficios que xenera cun reparto xusto da riqueza. O proxecto de PESCANOVA en Mira pretende o contrario: destruir o medio, privatizar os beneficios e socializar os custos, e todo isto con cartos públicos!
Eis un exemplo de desenvolvemento insustentábel.