Organizacións de xornalistas de toda Europa están preparando mobilizacións contra precariedade laboral o próximo luns, 5 de novembro. A protesta está convocada pola Federación Europea de Periodistas (FEP) e tamén se realizará en Galicia. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) únese á iniciativa mediante a distribución gratuíta de centos de camisetas co lema "A miña precariedade é a túa desinformación". O obxectivo é que os informadores leven posta esta prenda nas roldas de prensa convocadas para o día da mobilización.
"A miña precariedade é a túa desinformación"
Con esta acción o SXG alerta do aumento da precariedade na profesión en Galicia. Horarios abusivos, contratos lixo, abuso de bolseiros e de falsos autónomos son prácticas frecuentes na maioría das empresas da comunicación da Comunidade. Este deterioro das condicións de traballo dos informadores prexudica a cidadanía, pois a calidade das noticias é unha das primeiras vítimas da precariedade no sector.
A FEP explica que convocatoria pretende ser unha protesta contra a «crise dramática que sofren os xornalistas debido á excesiva comercialización, a presión política que están facendo máis precarias e empobrecendo as condicións de traballo en toda Europa». A rama europea da Federación Internacional de Periodista coordina accións de protestas en Bélxica, Chipre, Finlandia, Croacia, Francia, Alemaña, Grecia, Islandia, Irlanda, Irlanda, Portugal, Romanía, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Suecia e Reino Unido. Nalgúns estados, como en Francia, haberá manifestacións diante do parlamento.
Loxística do reparto
O Sindicato comezará a repartir as camisetas o próximo venres. Todos os profesionais da comunicación interesados en ter unha non teñen máis que contactar co SXG, a través desta conta de correo (sindicatoxornalistas@gmail.com) ou chamando aos móbiles da Executiva, que se poden consultar na web www.sindicatodexornalistas.org, sección "O SXG".