Vieiros

Vieiros de meu Perfil


É a túa quenda, Tíralles da Lingua!

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de É a túa quenda, Tíralles da Lingua!

É a túa quenda, Tíralles da Lingua!

Os CAF-CAEF comezamos unha Campaña reclamando maior presenza do galego no ambito universitario, na docencia, nos servizos... Agora é o noso momento somos o estudantado quen temos que tornar en realidade o que din os Planos de Normalización Lingüística das universidades.

Agora é a túa quenda!
Tíralles da lingua!

Enviada por CAF CAF o 17/05/2007 00:01

A Lei de Normlización Lingüística de Galiza, aprobada en 1983 no Parlamento Galego, recoñece que todos os galegos teñen dereito de coñecer e usar a lingua galega asimesmo recoñece que os poderes públicos deberán de garantir o seu uso normal e que estes adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado. Estabelécese nela, tamén, que o galego como lingua propia de Galiza é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.

No nível universitario, en tanto que a Universidade é unha institución pública, os estudantes temos o dereito a empregar a nosa lingua, tanto oralmente como por escrito. É por isto que o Goberno Galego -di a Lei- e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para facer normal o uso do galego no ensino universitario.Así, a Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela a Universidade da Coruña dotáronse dun Plano de Política Lingüística, no caso da primeira, e de Planos de Normalización Lingüística, no caso da segunda e da terceira.Nesta lexislación autónoma das Universidades da Galiza, recóllense os principais dereitos lingüísticos dos estudantes mais medidas que garantan o normal uso da lingua galega. Este feito noutros contextos sería anómalo: por suposto que nas universidades con linguas maioritarias e propias de Estados non cómpre elaborar ningún tipo de Regulamento ou Plano para a recuperación dos seus usos e funcións nunha determinada institución, como pode ser. Mais desgrazadamente, a nosa é unha lingua minorizada que foi perdendo consideración social e cuxos falantes se viron forzados a utilizaren a lingua que aquí se estaba impondo. Para poder modificar esta tendencia, teñen de elaborarse lexislación e pór en marcha políticas lingüísticas que axuden á recuperación de usos e funcións do galego. Neste sentido, a Universidade como símbolo de futuro, de creación dunha conciencia crítica e de desenvolvemento intelectual para o avanzo da sociedade ten de ser pioneira na normalización lingüística.Por outra banda, grazas á loita e ao esforzo de moitos a nosa lingua ten un recoñecemento legal como propia do noso país e os seus falantes teñen, polo menos teoricamente, o dereito de empregalo e a garantía de que non serán discriminados por razóns lingüísticas.

Máis concretamente, nas universidades galegas están recoñecidos os seguintes dereitos, no que a estudantado se refire:a recibirmos a docencia en galego, a empregarmos o galego na súa relación coa universidade, a realizarmos a nosa actividade académica: traballos, prácticas, exames... en galego e a non seren discriminados por razóns lingüísticas. Para poder avanzar neste proceso, as universidades galegas, ben nos seus planos de normalización/política lingüística ou ben nas súas políticas diarias, estabelecen unha serie de medidas que poñemos en destaque:

1. Oferta de cursos específicos de lingua galega que respondan ás necesidades lingüísticas do estudantado, así como a edición de vocabularios e manuais para as diferentes especialidades.
2. Axudas para a realización das teses de licenciatura, de doutoramento e doutros traballos de investigación en lingua galega.
3. Coa finalidade de integrar aos estudantes no proceso de normalización lingüística, promoción da participación dos estudantes nas comisións de normalización lingüística así como a promoción do galego nas asociacións estudantís.Hoxe en día, a situación do galego podería ser cualificada como paradóxica, no sentido en que, por unha banda, ten máis de que nunca recoñecemento legal, tanto a propia lingua como os seus falantes, e por outra banda o seu uso vai diminuíndo cos anos.

É por isto que xorden estes planos concretos e estas medidas que non servirán de nada se nós, os estudantes, na nosa vida cotiá, na Universidade, non exiximos que se cumpran estes dereitos: temos de reclamar que se nos atenda en galego nunha institución pública galega como é a universidade, non podemos tomar como normal que se a nosa lingua inicial é o galego teñamos de mudala no exercicio da nosa actividade académica porque o profesor non o fixer, temos pois de solicitar unha copia do noso exame na nosa lingua e temos de poder participar activamente na aula na nosa lingua habitual sen ningún tipo de complexos. Agora é o noso momento, agora temos de coller o relevo dese traballo formal e tornalo en realidade: o futuro da nosa lingua depende do que nós fagamos agora.

Como xa sinalabamos na Universidade Galega, pártese, por unha banda, dunha lexislación favorábel para a lingua galega (nos estatutos das tres universidades), e por outra, dunha situación potencialmente favorábel para a lingua e a súa normalización, dado que a maioría do profesorado e estudantado é galego. Asemade, cumpre destacar que hai recursos económicos para a extensión da lingua galega na universidade, tanto propias de cada unha delas como da Dirección Xeral de Política Lingüística.Malia esta situación de partida, o uso do galego na docencia e na investigación que se realiza na Universidade Galega é cativo e esta escaseza maniféstase especialmente en titulacións e áreas de coñecemento como as ensinanzas técnicas, as experimentais ou as da saúde.Para isto é imprescindíbel:

1. A colaboración entre as tres universidades.
2. Incrementar a edición e sobretodo, difusión, de bibliografía en galego así como a elaboración de glosarios, vocabularios e dicionarios especialmente das diferentes áreas de coñecemento nas que existen carencias significativas.
3. Ao fío, do anterior: promover a edición de libros científicos en galego, en edicións orixinais ou traducións.

Mais sen dúbida, agora mesmo a testemuña témola nós e debemos ser nós que exixamos que estas medidas se leven a cabo, que as intencións non fiquen niso, e que poidamos estudar na Galiza e en galego.

Agora é a túa quenda!
Tíralles da lingua!


Documentos

5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: