Vieiros

Vieiros de meu Perfil


1ª Masa Crítica Galega. Sábado 22 de setembro. 12:30h na Alameda de Santiago de Compostela

A bicicleta non é unicamente un medio de transporte, é un elemento socializador, de saúde, liberador, divertido, que ademais contribúe a túa mobilidade. A masa crítica é un movemento descentralizado de ciclousuarios que loitan polo crecemento do uso da bici como medio de transporte. Este ano por primeira vez se unen as diferentes masas de Galiza nun evento que pretende sacar a relucir a incoherencia das políticas de mobilidade das nosas cidades.

Enviada por Birnarem Birnarem o 10/09/2007 11:14

O panorama nas nosas cidades é hoxe en día desolador: as rúas convertidas en couto privado dos automóbiles, cos demáis usuarios da vía pública acantoados, fuxindo do perigo. Motos a escape libre, bocinazos, atoramentos, as beirarrúas empregadas como aparcadoiro. Autovías, circunvalacións que actúan como barreiras, foxos infranqueables que desconectan barrios. A función orixinal da cidade como espazo socializador, de intercambio cultural e interacción humana vese afastado no medio do caos circulatorio. O peón e o ciclista son especies ameazadas, en perigo de extinción. ¿Que podemos facer?

Temos que ser conscientes da pegada ecolóxica que conlevan as nosas necesidades de desprazamento, dos custos ambientais e sociais que representan. Temos que avaliar a realidade desas necesidades e o xeito de realizalas co menor custo posible. Temos que recuperar a nosa centralidade como parte da cidade, desbotando o coche, e a actitude que representa, do noso xeito de vida. Temos que recuperar as rúas, as prazas, a convivencia, o xogo na rúa. En definitiva, temos que rehumanizar as cidades. Un elemento fundamental nesa humanización son as posibilidades que ofrece a bicicleta.

Máis a bicicleta non é unicamente un medio de transporte, é un elemento socializador, de saúde, liberador, divertido, que ademais contribúe a túa mobilidade. É o instrumento fundamental para dar un xiro radical as políticas urbanísticas e convivenciais das nosas cidades e vilas e, integrada co transporte público colectivo, solucionar os problemas que o automóbil particular está a ocasionar na nosa sociedade. Supón unha actitude vital, de respecto ao medio ambiente e ás persoas.

Por todo isto, o vindeiro sábado 22 de setembro celébrase a 1ª Masa Crítica Galega. Achegaranse ciclousuarios e ciclousuarias de toda Galicia na que se pretende sexa unha xornada lúdico-reivindicativa onde defender que outra forma de movérmonos é posíbel!

O programa provisional de actividades é o seguinte. Agás a hora e lugar da Masa Crítica, o resto das actividades poden sufrir algunha modificación.

11:00 - Obradoiro de mecánica e decoración reivindicativa da bici. Poderás axustar a túa bici e decorala.Traede ideas e materiais para compartir!

12:30 - Masa Crítica Galega. Sairá as 12:30 e faremos un percorrido devagar polas principais rúas de Santiago.

14:00 - Xantar Colectivo. Sa hai bo tempo cada quen pode traer (se quere) algo para xantar/compartir todos/as xuntas no Parque de Bonaval. Se o tempo non acompaña procuraranse outras opcións (iremos informando)

17:00 - Proxección do Documental Return of the scorcher (v.o. subtitulada ao galego) que describe os inicios do "movemento" da masa crítica en San Francisco nun centro socio cultural da cidade.

18:00 - Mesa redonda coa participación de representantes de grupos de ciclousuarios/as participantes sobre a situación da bici en Galicia, futuro etc.....

Axúdanos a divulgar a iniciativa! Podes jpg descargar o cartel para enviar por correo-e aos teus contactos.

Vémonos en Compostela!

-- -- -- -- -- --

Semana europea da mobilidade ou pedalea ti, que a min dame a risa

O día 22 de setembro, cando finalice a celebración da semana europea da mobilidade e en Santiago esteamos a celebrar a primeira masa crítica galega, na túa cidade é posible que pasaran cousas similares as que seguen: tal vez tiveches que almorzar coa foto nos medios dun alcalde feliz subindo a un bus, un concelleiro de mobilidade en errático traxecto sobre unha bici de aluguer mentres prometía a inmediata posta en marcha deste servizo, excursións en bicicletas de cidadáns atrincheirados entre policías locais e protección civil, circulando por rutas coidadosamente escollidas dentro do tráfico, repartición de agasallos de todo tipo, incluídas bicicletas de montaña (moi apropiadas para circular por calquera  cidade) e un multicolor despregamento de dípticos, trípticos e cartelería, que solicitaba a túa colaboración e invitábache a facer  un pequeno esforzo por mellorar a mobilidade da tua cidade; anímate neno, unha semana pasa axiña.

A estas alturas ninguén discute que os modelos están obsoletos e que hai que empezar a moverse, e calquera político intelixente sábeo, igual que sabe cales son os pasos a seguir, entre outras cousas, porque os seus compañeiros europeos levan máis de 20 anos dándolles consellos e directrices baseados nas experiencias doutras cidades que conseguiron minimizar os problemas que causa o noso modelo actual.

Os teóricos afirman que a maioría dos políticos locais non se enfrontan á tarefa por falta de valentía política, non por falta de convicción. Se vives nunha cidade con políticos valentes, á par de intelixentes, parabéns, seguro que a semana da mobilidade terá algun sentido.  Pero o que non ten sentido, e que cremos altamente reprobable, é que se gasten miles de euros en campañas publicitárias que non levan a nada, que non melloran a vida dos cidadáns e que pretenden involucrar á cidadanía sen dar alternativas reais. A semana da mobilidade, para moitos políticos, non é máis que un mal trago; que pase pronto esta semaniña e outro ano para a foto e a ver se non nos pitan moito no día sen coche, que aínda por riba, este ano cae en sábado.

Únete a nós e celebra a Masa Crítica Galega !

NOTA :  Se vives en Coruña, estamos organizando diferentes grupos para acudir a Compostela, en bici saíndo o venres pola tarde (para ir a modiño, durmindo en Ordes na metade do camiño), en bici saíndo o sábado pola mañá (para xente de clubes e entrenada) ou en tren o sábado pola mañá (coa posibilidade de que haxa un autobús como alternativa). Apúntate e deixa o teu correo en http://www.editgrid.com/user/masacriticacoru/masa_critica_galiza. Canto antes os apuntedes mellor, xa que temos que planificar un pouquiño a viaxe. Noutro caso vémonos directamente en Compostela.

http://masacriticacoru.mundoforo.com
http://bicis.info


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



1ª Masa Crítica Galega. Sábado 22 de setembro. 12:30h na Alameda de Santiago de Compostela