Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Festa Revolta no Courel

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Festa Revolta no Courel

Festa Revolta no Courel

SOS Courel. Paremos a desfeita. O vindeiro 11 de Agosto en Froxán varios colectivos sociais galegos (SOS Courel, Asociación Fonte do Milagro, Burla Negra, Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo e a Federación Ecoloxista Galega) convocan unha xornada de loita festiva en solidariedade cos colectivos do Courel que están a defender a serra contra a ameaza de espolio e destrución patrimonial que pode supor a legalización masiva de canteiras por parte da Xunta e a mínima expresión á que vai quedar reducido o Parque Natural do Courel.

como chegar e onde procurar aloxamento.
Ver mapa xeo-político.
+info en serradocourel.com
Reportaxe fotográfica da festa en gzifoto.com

Enviada por arredemo arredemo o 07/08/2007 11:16
<!-- etiqueta sen asignar aberto_alt //-->

A xornada contará con distintas actividades como o Roteiro da Arte, a proxección dos documentais "As Encrobas a ceo aberto" e "O Salario do Silencio" sobre o conflito de Reganosa, Charlas e debate con científicos e ecoloxistas, Animación na Eira para nenas e nenos e a Ultranoite Obelix e Cia especialmente adicada a SOS CAUREL coa participación de diversos e diversas artistas, como Os da Ría, Pablo Trasno, Chévere, O Mago Romarís, Mónica García, Os Cantos Rodados, Bernardo Martínez, Clara Gayo, Carlos Santiago, Expo e o Último Uruguayo, Blanca Novoneyra, Comba Campoy... Le de seguida o comunicado e súmate á convocatoria. Infórmate sobre como chegar e onde procurar aloxamento.



Comunicado e Convocatoria.
A Serra do Courel atópase en estado de emerxencia. A causa dunha política cada día máis incomprensíbel por parte da administración galega, unha das contornas naturais máis sobranceiras de toda Europa vese ameazada pola construción de cincuenta novas canteiras que se sumarían así á ducia de pizarreiras xa existentes, ilegais ata o de agora en moitos dos casos ou sen garantías medioambientais, e consolidadas pola administración como feitos consumados. Na Xunta de Galicia néganse a recibir ás asociacións veciñais e culturais que se opoñen a este despropósito proxectado nun territorio declarado Espazo Natural en 1989 e incluído na Rede Natura desde o 2000. A Xunta vén de reducir o Parque Natural previsto a menos dun sétimo do Macizo Montañoso do Courel, deixando o resto do territorio a mercé dos mercaderes que contra un aproveitamento sostíbel da lousa e un auténtico beneficio económico da comunidade courelá pretenden furar a serra para espoliar as vetas de pizarra, caliza e outros materiais destruíndo sen contemplacións o noso patrimonio natural e cultural e envorcando todo o refugallo e o escombro xerado sobre a indiferenza cidadá. Sen dúbida o cambio político vaise encher no Courel de auténtico contido mudándolle a faciana para sempre ao vasto templo reverenciado no seu día por Uxío Novoneyra, como ben lembraba Xosé Manuel Beiras hai pouco tempo nunha serie de artigos sobre a proxectada desfeita.

[Consulta os artigos: O Problema Os Escribas As Alternativas]
[+ Info: Vieiros Chuza]

O escándalo é ainda maior cando dun xeito aparentemente premeditado, a administración está a desmantelar servizos sociais e sanitarios básicos na zona, agudizando, ante a falta de perspectivas de desenvolvemento sostíbel, o deslocamento da comunidade courelá.

Por iso desde a sociedade civil, facemos un chamamento en solidariedade coa asociación SOS Courel para participar na súa campaña de defensa da serra cando máis o precisa. Queremos convidar a todos e todas as cidadás a unha xornada festiva de loita que terá lugar o vindeiro 11 de Agosto en Froxán, con diversas actividades artísticas e ecolóxicas e a celebración dunha Ultranoite especialmente dedicada ao SOS Courel, na que diversos e diversas artistas do país pasarán revista en clave cómica retranqueira á situación na que se atopa a Serra perante a cobiza e a comenencia duns poucos e a complicidade doutros tantos. Pois xa que o poder político, baixo calquera das súas aparencias, non parece aprestarse a servir ao ben común e cumprir coas súas obrigas como garante do noso patrimonio natural e cultural, só aos cidadáns e cidadás nos compre erguer defensas e loitar pola súa preservación coas armas que nos son dadas: o humor e a intelixencia.SOS Courel
Asociación Fonte do Milagro
Burla Negra
Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo
Federación Ecoloxista Galega


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: