Cinco persoas, 12 horas e un reto por diante: levar a cabo todo o proceso dunha curta, tanto creativo coma técnico en medio día. Coma a serie 24 pero na metade de tempo e cunha curta.
Lugar: Ribadeo. Festival de curtametraxes On & Off
Protagonistas: Marcos Nine (director e guionista), Quique Batet (productor), Ximena Losada (encargada da difusión), Martín Vázquez (son) e Fran X. Rodríguez (montaxe e a postproducción).
Misión: a rodaxe de “Límite 12h.” unha curtametraxe que supera tódolos límites de velocidade, xa que está concebida para ser escrita, preproducida, rodada, montada, publicitada, exhibida e presentada a un festival de curtas nun tempo de 12 horas.
Horario: Das 19:00 h. do Venres 3 ás 12:00 do Sábado 4
A cabalo entre a experimentación, o documental, o making-off e a performance nace "Límite 12h.", unha proxecto tolo que porá ós seus participantes nas situacións máis estresantes (interesantes non, estresantes)
"A industria" cinematográfica apodrece entre remakes, refritidos, faltas de ideas e a incomprensión do fenómeno de internet, mentras, por outra banda, as curtametraxes renovan a escena cinematográfica, experimentan, investigan, renovan os xéneros e aproveitan coma ninguén as ferramentas que proporciona internet para o traballo en rede e distribuido, para a difusión audiovisual e para compartir.
E aquí en Galicia de curtas sabemos un rato; raro é o recuncho do país no que non se rodan curtas, celébranse festivais, visionados... Curtocircuito (Santiago), Curtas na Rede (internet), CurtasGZ (Pontevedra), Festival de Cans (Porriño), Certame Audiovisual de Vilagarcía (Vilagarcía de Arousa), Nada sobre nós sen nós (Boiro) e o que se está a celebrar agora mesmo, o On & Off de Ribadeo.
O tempo non deixa de correr e moitas son as cousas que quedan por facer.
Segue hora a hora o proceso e resultado final no bló do proxecto.