Continúan as Xeiras 2007 que organiza o Instituto de Estudos Miñoráns coa 3ª Rota do Siñor Afranio. Estas xeiras están dedicadas a percorrer os camiños e lugares polos que en 1936 Antón Alonso Ríos andou para "risparse das gadoupas da morte". Pola serra da Groba, polo Monte Tetón, por Couso, Morgadáns e Vincios estivo agachado o deputado popular ata transformarse no pobre de pedir Siñor Afranio do Amaral.
Rota do Siñor Afranio
Antón Alonso Ríos, natural de Silleda, emigrante e mestre. Tras a proclamación da República as Sociedades Galegas da Arxentina envíarono para representalas politicamente e coordinar algunhas das escolas que os emigrantes sufragaban, entre outras a tomiñesa La Aurora del Porvenir. Durante o período republicano desenvolve unha intensa actividade política nas filas do agrarismo e vinculase dende o primeiro momento ao Partido Galeguista. Nas elección de febreiro de 1936 é elixido deputado nas listas da fronte popular, representando aos agrarios.
Tras a sublevación militar fascista convertese no gran obxectivo dos falanxistas de Tui; "el gran zorro" chamábanlle. Os primeiros días pasounos agochado polas terras da Groba, ata tres veces regresou a Torroña. A veciñanza agochouno e protexeuno, como tamén fixo con Luís Noya e moitos outros demócratas fuxidos do terror. Os veciños e veciñas de Torroña escribiron unha fermosa páxina solidaria poñendo en perigo a súa vida e a dos seus.
Antón Alonso Ríos tiña que saír do acocho, non podía seguir poñendo en perigo á quen xenerosamente o axudara. Botou a andar polos camiños, pasou por Tebra, por Couso, Morgadáns, Chaín e Vincios e enfilou a estrada cara as Gándaras do Porriño... e seguiu ata converterse nun pobre de pedir portugués. Nacía así o Siñor Afranio do Amaral. Tiña cincuenta anos. Logo fixo de criado pola Terra de Montes e do Carballiño. Tres anos despois pasou a Portugal e logrou establecer os contactos necesarios para saír rumbo a América dende o porto de Lisboa.
"Embarquei no "Lipari" e o 29 de xuño de 1939 cheguei ao porto de Buenos Aires. Tíñame rispado das gadoupas da morte, escribiu nas súas breves memorias rematadas en 1978.
Na Arxentina continuou o seu labor político, sempre á beira de Castelao a quen substituíu na presidencia do Consello de Galiza que representou ata a súa disolución a soberanía popular expresada nas elección de febreiro de 1936
Xeira
O vindeiro xoves 19 de xullo, ás 17:30 sairemos da Casa do Concello de Gondomar. O percorrido desta visita iniciase por terras de Santa María de Tebra, onde visitaremos A Pedra dos Mouros, a maior superficie de arte rupestre prehistórica de Galicia. Emplázase aquí o petroglifo da Pedra dos Mouros ao que se lle supón unha antigüidade duns 4000 anos, dun período coñecido como calcolítico/idade do bronce. Esta mostra de arte rupestre contén, nomeadamente, circos concéntricos e coviñas ademais dun cabalo con xinete, un antropomorfo e uns pequenos muíños naviculares.
Neste momento estase a desenvolver un proxecto de valorización do patrimonio natural e arqueolóxico do Monte Tetón dirixido por Rosa Villar Quinteiro.
A mais de 400 metros localizamos un cemiteiro sen valados, construído hai entre 4000 a 6000 anos, na chan entre vertentes. Son 13 mámoas da época prehistórica coñecida como neolítico.
Máis adiante subiremos ó Castro de Riba, quizais sexa un asentamento humano de hai 2000/2500 anos, da época castrexa. Ollaremos terrazas, terrapléns, murallas, unha complexa obra defensiva e habitacional.