O Colectivo Ecoloxista do Salnés convoca a dúas accións contra o "Campeonato de España de tiro de pichón" que se celebra anualmente na Illa da Toxa (O Grove).
1. Envío de postais electrónicas á Consellería de Medio Ambiente para que prohiba esta práctica bárbara. No blog do Colectivo (www.cesalnes.blogspot.com) podes coller a imaxe da postal e as direccións da Consellería onde enviala.
2. A concentración no paseo marítimo do Grove o sábado 14 ás 12 da mañá.Uns 30.000 pombiños morrerán durante o campionato pero, antes de dispararlle córtanlles a cola para que teñan un vóo torpe.
Apoian esta convocatoria: Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, VERDEGAIA, LUITA VERDE, VAIPOLORÍO, APDR, AMIGOS DA TERRA, COTO DO FRADE, SGHN-Pontevedra, MATARPORMATAR NON, , RIDIMOAS, APADAN, Asociación GATOCÁN, Asociación de acollida de cans OS PALLEIROS, Asociación de protección de animais ABEIRO, Asociación protectora de animais SEN FRONTEIRAS, Asociación COMETA de Narón, A. Protectora de Animais do Barbanza, S. Protectora de Animais e Plantas de Lugo, A. Protectora de Cans e Gatos de Ourense, A. Protectora de Animais e Plantas de Vigo, A. Protectora "Amigos dos Animais" de Baiona, A. Protectora de Animais de Cambados, A. Protectora de Animais de Marín e Unión de Protectoras de Animais Federadas.
O campionatoDo 6 ao 15 de xullo vaise celebrar no campo de tiro da Illa da Toxa (O Grove) o “Campeonato de España de tiro al vuelo”, organizado pola “Federación Española de Tiro al Vuelo” e promovido polo Gran Hotel de A Toxa, do grupo Hesperia. Este campionato leva décadas celebrándose. Os pombiños son criados en catividade e soltados diante de ducias de escopeteiros despois de sufrir a mutilación da súa cola para facer o seu voo máis torpe. ¡E a esta barbarie chámanlle deporte!. Por que nos opoñemos?
O CES leva anos opoñéndose á celebración deste campionato, por medio de diversos medios: concentracións ante o campo de tiro, escritos e entrevistas coas administracións competentes, artigos de opinión na prensa. Os nosos argumentos son:- O campionato é unha barbarie contra os animais, sen ética deportiva. Matar por diversión e por cartos (pois sempre hai apostas entre os participantes) nunca pode ser un deporte.
- A inxesta de perdigóns de chumbo provoca a enfermidade do plumbismo nas aves salvaxes e a súa morte. O campo de tiro limita coa enseada do Bao, que conta con diversas figuras de protección da Xunta (ZEPVN), da Unión Europea (LIC e ZEPA) e internacional (humedal Ramsar), polo que non está permitido o emprego de munición de chumbo, pero durante o campionato milleiros de perdigóns de chumbo caerán ás augas da enseada, provocando unha nada desprezable contaminación das augas e que moitas aves salvaxes inxiran os perdigóns.
A polémicaEste ano é decisivo para o futuro do campeonato. Levantouse unha grande polémica no Grove xa que, tras dous anos de avisos administrativos aos promotores para que acataran as leis que reiteradamente incumprían, a Consellería de Medio Ambiente e a Subdelegación do Goberno (parecía que) non ían deixar que se celebrase o campionato. Pero dous factores mudaron esta actitude. Un foi a presión social motivada polos intereses económicos locais (moitos sectores do pobo mostáronse a favor do tiro) e o outro foi que era unha decisión delicada para tomar en época electoral, polo que a Administración finalmente dou permiso para celebrar o campionato baixo unha serie de condicións: instauración de medidas de seguridade cidadá, emprego de munición que non sexa de chumbo e implantación de barreiras que impidan a caída de perdigóns ao mar.
É dicir, que se cumpla a lei. Pero o 2 de xullo, os promotores mediante unha nota de prensa manifestaron que non empregarán munición de chumbo e que presentarán a nova “munición ecolóxica”. E dicir, os promotores están incumplindo antes de empezar o campionato as condicións da autorización concedida, deixando clara a súa falta de respecto á lei e á Administración.¿Que queremos?- Que a Xunta de Galicia prohiba o tiro ao pombiño. En Cataluña xa o prohibiron.- Que os promotores do campionato se fagan cargo da limpeza dos milleiros dos perdigóns que ano tras ano se foron acumulando no humidal.- Que as administracións competentes vixíen o cumprimento estrito das leis en materia de medio ambiente e seguridade. Que facemos?
1. Acto de protesta o sábado 14 de xullo ás 12:00 no paseo marítimo de Beiramar, a poucos metros da ponte da Toxa. Desenvolveránse as seguintes actividades:- Parodia do tiro ao pombiño. Instalarase un simil de posto de feira onde se poderán realizar probas de puntería contra pombiños de cartón.- Lectura dun manifesto.- Andaina de protesta dende o paseo marítimo ata as inmediacións do Campo de Tiro da Toxa, co único afán de que nos escoiten, non de sabotearlles o campionato.- Empanadas e bebidas para todos. Ao remate da andaina dirixirémonos a o parque público Monte Central da Toxa onde o CES invitará aos asistentes a empanada e outras viandas.
2. Redacción dun escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente no que se esixe que na lei 1/93 de protección dos animais e salvaxes en catividade, sexa recollida a prohibición expresa do tiro ao pombiño. Este escrito redactado polo CES vai ser asinado e apoiado por outros grupos ecoloxistas e asociacións protectoras de animais.3. Posta en marcha dunha campaña na Rede a favor da prohibición do Tiro ao Pombiño, baseada nunha postal que poderá ser envíada a título personal á Consellería de Medio Ambiente por correo electrónico e na que se pide a prohibición deste tipo de “eventos deportivos”. Acude á concentración. Cantos máis sexamos, mellor!Sábado 14 de xullo ás 12:00, no paseo marítimo de Beiramar, a poucos metros da ponte da ToxaProhibición do Tiro ao Pombiño, xa!