O grave déficit no tratamento das augas residuais urbanas de moitos concellos, pon a Galiza á cola no cumprimento da Directiva de Augas no estado.
Malia que esta situación está tratando ser revertida mediante un plano de choque contra os vertidos e a masiva construcción de depuradoras, o tratamento dos efluentes industriais, os seus impactos e custos, seguen a ser soportados maioritariamente pola cidadanía. Case todos os polígonos industriais carecen de EDAR, algúns mesmo de sumidoiros, e verten os seus residuos á depuradora pública ou directamente ao medio, criando non poucos problemas.
Casos como o da Póvoa do Caramiñal, que en 10 anos leva xa dúas depuradoras (pagadas por todos/as nós) e avariadas polos continuos vertidos industriais, exemplifican o desprezo polas leis dalgúns empresarios que teñen "barra libre" para contaminar coa connivencia de non poucos alcaldes e a pasividade de Augas de Galiza. Precisamente, o concello da Póvoa é un dos poucos que contan cunha ordenanza de vertidos (ano 2000) que fixa as calidades dos efluentes industriais antes de ser enviados á rede pública. En teoría, esta norma debería servir para que as empresas acometeran unha pre-depuración denantes de mandar os seus refugallos á EDAR.
Malia a isto, o incumprimento por parte das industrias está sendo xeralizado e as reiteradas denuncias de veciños e ecoloxistas (por cheiros, vertidos, avarías...) non conqueriron que en 7 anos o concello tomara medidas resolutivas. No caso de Ribeira, a construcción dunha nova depuradora motivada pola ineficacia da actual (apenas unha simple decantación, absolutamente insuficiente para atender á cidadaníae ás industrias) volve a criar controversia.
Se actualmente os vertidos industriais e urbanos estanse a mandar práticamente "en crú" ao medio da ría, através sun emisario de 4 km, a construcción dunha macrodepuradora centralizada ás portas dun Parque Nacional non parece ser a millor opción. Ribeira é outro dos concellos que teñen aprobada unha ordenanza de vertidos, e aínda así, as industrias do polígono de Xarás seguen vertendo a caño libre á rede pública, ocasionando continuos problemas de cheiros e sobardando a capacidade da actual "depuradora".
Para ADEGA, a solución pasa por que as industrias respecten as leis e fagan fronte aos custos de depuración en troques de trasladalos á cidadanía. Non pode ser de recibo que un polígono industrial non conte con estación depuradora, que debería ser lóxicamente costeada polas propias empresas. Pero o que é realmente intolerábel e o desleixo e a pasividade que amosan algúns concellos á hora de facer cumprir as súas propias normas para e salvagardar o ambiente, a saúde e os cartos de todos/as.
E no tocante á situación da EDAR de Ribeira, ADEGA ven de apresentar alegacións ao proxecto por consideralo insustentábel ambientalmente e inxusto socialmente. Non podemos admitir que unha instalación dimensionada para 80.000 habitantes equivalentes, dos que 43.000 corresponden á poboación real e 40.000 ás augas industriais, se ubique ás portas dun Parque Nacional e en zona de ampliación da Rede Natura 2000.
Por outra banda, persistir no erro de tratar os residuos industriais nunha instalación pública, vista a renuencia das industrias e a pasividade do concello, só vai provocar que os custos de depurar os efluentes industriais (alén dos da construción da EDAR) sexan asumidos pola cidadanía. As alternativas que propón ADEGA están ben claras: dotar ao polígono industrial dunha depuradora propia, custeada polas empresas que xeneran os vertidos.
E no tocante á depuración dos núcleos urbanos, apostamos por un modelo descentralizado e con tecnoloxías brandas, de baixo impacto e gasto enerxético, en pequenas estacións de tratamento. Deste xeito evitaríanse os inmensos custos das infraestruturas auxiliares (ducias de bombeos, kilómetros de sumidoiros, alto risco de fugas...) que require unha soa macroinstalación, alén do seu elevado consumo enerxético.