Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa do CIS (xaneiro-marzo de 2010)

Só galegos, máis galegos ca españois ou "galaico-madrileños"?

Un 97% dos cidadáns séntense orgullosos de ser galegos, e un 93% tamén de ser españois. O 22% considéranse "máis galegos ca españois".

Redacción - 11:55 16/07/2010

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) fixo públicos os datos do último barómetro autonómico esta quinta feira, elaborado entre o 23 de xaneiro e o 2 de marzo deste ano. Das 72 preguntas realizadas sobre diferentes aspectos, o enunciado da número 48ª foi este: "Con cal das seguintes frases se identifica Vde. en maior medida?".

As opcións de resposta foron: "Síntome unicamente español"; "Síntome máis español ca da Comunidade Autónoma (de Galiza)"; "Síntome tan español como da Comunidade Autónoma (de Galiza)"; "Síntome máis da Comunidade Autónoma (de Galiza) ca español"; "Síntome unicamente da Comunidade Autónoma (de Galiza)".

Pois ben, recontadas as respostas, o CIS estabeleceu que un 68,7% dos galegos se senten "tan españois como galegos", mentres que o 22,1% "máis galegos ca españois". Outros resultados foron: "só español", o 3,2%; "máis español ca galego", o 3,3%; e "só galego", o 2%. A opción "galaico-madrileño", acuñada por Feijoo (o 13% dos consultados cre que o seu labor é "malo", o 55,6%, que é "regular"; e o 21%, que "bo"), non se recollía na enquisa.

Na Comunidade Autónoma de Cataluña os resultados foron: 8,2% ("só español"); 9% (máis español ca catalán); 41,3% ("tan catalán como español"); 25,6% ("máis catalán ca español"); e 13,6% ("só catalán"). Na de Euskadi: 4,3% ("só español"); 6,3% (máis español ca vasco); 36,3% ("tan vasco como español"); 24,1% ("máis vasco ca español"); 23,7% ("só vasco"). As de Castela e León e Madrid lideran as categorías de "só español" e "máis español" no conxunto do Estado.

Orgullo de ser galego/español

Nas preguntas 21ª e 22ª preguntouse polo "orgullo" de ser español e galego, respectivamente. En Galiza, segundo a enquisa, un 93% dos cidadáns séntense orgullosos de ser españois, por un 97% que o están por ser galegos (sumando as respostas: "bastante orgulloso" e "moi orgulloso").

Na Comunidade Autónoma de Cataluña, as cifras foron: 65,7% (orgullosos de ser españois) e 82,7% (orgullosos de ser cataláns). Na de Euskadi: 47,8% (españois) e 83% (vascos). E na de Madrid: 83,9% (españois) e 61% (madrileños). Nas dúas Castelas e Melilla é onde a opción "moi orgulloso" foi a máis elixida en todo o Estado.


4,77/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: