A celebrar en Compostela entre 10 e o 12 de setembro, diante da cultura de "grandes nomes" o Macc defende "talento, redes, hibridación e desenvolvemento social".
"Nun momento no que a cultura se concentra na busca de grandes nomes cos que entreter grandes grupos de xente, o Macc aposta por traer a Compostela a maior concentración de talento nunca vista co obxectivo de comezar a construir un novo modelo". Deste xeito o explicaba esta quinta feira Vítor Belho, presidente de Atlantic Connection, entidade promotora deste Mercado Atlántico de Creación Contemporánea (Macc).
Segundo debullou Belho na presentación do evento este xoves no Mercado de Abastos de Santiago, o mercado é o espazo de intercambio, "no que buscar e no que ser atopado". Centro do comercio, da cultura e da política nas sociedades grega, romana e árabe, espazo central nas sociedades latinomericanas e asiáticas, popular, "vivo, diverso, cheo de cores e aromas... o mercado foi o espazo no que historicamente se tramaron os cambios na épocas de crise".
Será así como durante tres días, 10, 11 e 12 de setembro, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo do Pobo Galego, a Zona C e o Parque de Bonaval acollerán máis de 72 propostas innovadoras en torno aos conceptos de Industrias creativas e procesos creativos. Bea García, directora técnica de E-Burbulla, empresa organizadora do evento, destacou "a enorme variedade e calidade das propostas recibidas". De xeito especial, referiuse á calidade das propostas galegas, "especialmente no relativo á cultura dixital e aos novos escenarios de actuación que se abren con ela". No eido da exploración dos novos escenarios para a actuación que ofrece a cultura dixital, García mencionou tres propostas galegas: C’mmons baby!, un podcast galego que promove música publicada baixo licencias creative commnos; Nodus Guifi, unha rede de telecomunicacións aberta con supernodo en Santiago e rede até Finisterre; e o proxecto de Realidade Aumentada que presenta o Consello da Cultura Galega.