Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
125º cabodano da de Padrón

Por Rosalía e polo Panteón

A AELG organiza este xoves un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais da poeta e para pedir o acceso público ao templo onde descansa.

Redacción - 10:55 15/07/2010
Tumba de Rosalía no Panteón

Tumba de Rosalía no Panteón

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza esta quinta feira un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro -o 25 de maio de 1891-, e para que se garanta o acceso público ao Panteón dos Galegos Ilustres.

O acto conta co apoio e colaboración de máis de 200 entidades e colectivos, entre asociacións e fundacións de todo o país. Un tren, bautizado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, ás 17.45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela.

Unha hora antes, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.

Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. A seguir, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara á Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos, para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
 
Finalmente, en San Domingos de Bonaval interpretarase o Angelus de Massenet, e darase lectura a varios poemas de Follas Novas, intercalando actuacións de diversos grupos musicais e artistas, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.
 
Importante é a petición de que se garanta o acceso público ao Panteón dos Galegos Ilustres, unha vez coñecida a intención do Arcebispado de Santiago de Compostela de pechar as súas portas, logo dun litixio que lle outorga a titularidade do Panteón á Igrexa, á que houbo que solicitar un permiso para poder realizar os actos desta quinta feira no interior.

Comisión de acción do CCG sobre o Panteón
Por outra banda, o plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) aprobou a creación dunha comisión interinstitucional de estudo e proposta de acción futura sobre o Panteón de Galegos Ilustres, onde estarán representados, ademais do CCG, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e as fundacións Rosalía de Castro, Alfredo Brañas e Castelao.


PROGRAMA DO ACTO CÍVICO E REIVINDICATIVO

16.45 Concentración na colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina: Lectura dun poema de Rosalía e marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.

17.45 Saída do tren cara a Compostela

18.00 Recepción do tren Follas Novas na estación de Compostela, onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio e que se sumará neste momento ao cortexo a pé polas rúas compostelás, con actuación da banda municipal. Saída pola rúa do Hórreo cara á Praza do Toural.

18.45 Praza do Toural, primeira parada da comitiva. Lectura de tres poemas de Cantares Gallegos.

19.15 Praza da Universidade. Audición do Pietat Signore de Stradella; lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos.

19.30 Praza de Cervantes. Escaparates da Libraría Couceiro dedicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas.

19.45 San Domingos de Bonaval. Audición do Angelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos musicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto sobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón. Canto do Himno.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: