"Un asasino homófobo e racista na rúa", titula no seu espazo web o colectivo
Maribolheras precarias ao fío da saída de prisión do asasino dos dous mozos gais. O colectivo de defensa dos dereitos dos homosexuais amosa o seu "estupor e rabia" diante desta posta en liberdade.
Colectivos LGBT acumulan meses de
mobilizacións en protesta por este caso. Recordámoslles que malia confesar a autoría do crime, Jacobo Piñeiro fora absolvido por un xurado logo de aducir "lexítima defensa" e "un medo insuperábel" a ser violado. As asociacións cidadáns acusan o xurado de "converter o verdugo en vítima" e facilitar a súa saída en liberdade logo de admitir que asasinou dúas persoas asestándolles 57 coiteladas. Paradoxalmente, foi só condenado por un delito de incendio, xa que por riba prendéralle lume á vivenda da parella asasinada para tratar de borrar as pegadas do crime.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou aquel xuízo que agora debe repetirse, malia que non hai aínda data fixada. Así e todo, para as plataformas sociais, a posta en liberdade do acusado "é unha burla para os amigos e familiares" dos finados. "Esta posta en liberdade lexitima os asasinatos homofóbicos e abre a veda á impunidade na comisión de crimes de odio", censuran desde Maribolheras. Jacobo Piñeiro quedou libre esta semana e, malia os requirimentos da fiscalía, nin sequera se lle obrigará a levar pulseira electrónica de seguimento. Entre outros, o colectivo gai de Compostela convoca para esta terza feira ás 20 horas, na praza do Toural de Santiago, unha concentración en rexeitamento pola situación.