Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PARTIR DESTA NOITE

Ortigueira: capital do folk

O Festival retoma o seu espírito máis celta e tirará das gaitas para ofrecer un dos mellores certames dos últimos anos.

Redacción - 12:50 08/07/2010

As gaitas xa resoan en Ortigueira. O XXVI Festival Internacional do Mundo Celta arrinca este xoves co mellor da música folk e a chegada dos festivaleiros, que xa agardan nas rúas e no piñeiral da praia de Morouzos. De aquí até o domingo, Ortigueira volverá a ser a capital mundial dos folkies cunha programación cargada de concertos de alta calidade e de balde. As previsións da organización apuntan a máis de 100 mil espectadores que durante estes días se achegarán até as diferentes actuacións e actividades nesta macro-festa que xa está considerada de Interese Turístico Internacional.

Co obxectivo de retomar o espírito máis celta dos seus inicios, alá polo 1978, a vixésimo sexta edición incorpora un toque rock, da man dos Celtas Cortos que, desta volta, marcarán o inicio da festa co seu debut no escenario Estrella Galicia. Porén, o festival comezará aínda antes, como é tradición, cun percorrido polas rúas da vila da Escola de Gaitas de Ortigueira, que estará acompañada pola banda escocesa Johnstone Pipe Band.

A programación de actividades irá activándose de xeito progresivo ao longo do día: talleres folk, fira de artesanía, estrea do filme Os Crebinsky, exposicións fotográficas... até chegar á inauguración musical na praza de Isabel II. Xa na noite, sobre o escenario poderemos gozar coas interpretacións de Kreposuk, os xa mentados Celtas Cortos e a formación inglesa Oysterband, pioneira na mestura do folk co pop e o rock.

O venres e o sábado subirán ao escenario Shooglentifty, os irmáns Molard, Cristina Pato, Afterhours, Leilía, Gaelic Storm ou Anxo Lorenzo, entre outros artistas de prestixio. Xa o domingo, será a quenda dos debutantes The Crass, Xabi Aburruzaga ou Celtic Maze, tres bandas neveis seleccionadas polos internautas e os folkies que competirán por un posto no escenario principal de 2011 e por un premio en metálico de catro mil euros.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: