Os cregos galegos apoian o franciscano vasco, enfrontado co bispo de Donostia, ao que acusa de perseguir calquera discrepancia coa liña oficial da xerarquía española.
A Igrexa de Euskadi, e máis concretamente a de Guipúzcoa, vive dende hai meses un forte enfrontamento entre os cregos de base e a xerarquía. Un dos episodios máis significativos foi o do teólogo fanciscano e profesor Joxe Arregui. Este denunciou a principios de ano que o novo bispo de Donostia, José Ignacio Munilla, tiña preparadas purgas dos cregos que non estaban aliñados cos seus posicionamentos ideolóxicos (moi conservadores, na liña da xerarquía española). Arregui chegou a afirmar de que había probas de que o novo bispo posuía fichas da liña ideolóxica dos principais cregos guipuzcoanos (hai que lembrar que 85 dos 110 parrocos asinaron un manifesto contra o nomeamento de Munilla).
A resposta da xerarquía foi obrigarlle a Arregui a manterse en silencio durante un período de tempo. O teólogo franciscano rompeuno o mes pasado enviando unha carta ao diario Gara onde denunciaba as manobras do bispo para desterralo de Euskadi e manifestaba que Munilla seguía coas súas “prácticas inquisitoriais” para controlar calquera discrepancia na diócese.
Agora os cregos de orientación máis galeguista agrupados no Foro de Curas “Bispo Araúxo” veñen de mostrar a súa solidariedade co Arregui:
"Apostamos por una igrexa de iguais, sen imposicións e en diálogo, fiel ao Evanxeo e ao Concilio Vaticano II, onde é posíbel a crítica, a liberdade de expresión, onde as voces dos cristiáns e cristiás, que manifestan en conciencia as súas experiencias sobre Xesús de Nazaret ou as súas aproximacións intelectuais aos interrogantes que expón a fe cristiá, pregoen a liberación do Reino de Deus.
O Vaticano II é voz de Igrexa. Nós queremos seguir as súas indicacións. Na Igrexa de Xesús, o Cristo, cabemos todos. É a fe o que nos une. Xosé Arregui é un cristián, fiel ao Vaticano II, Sr. Bispo, disimule as diferencias teolóxicas e con seguridade podemos entendérmonos.
Por todo esto manifestamos o noso apoio a Xosé Arregui e aos que “máis están sufrindo esta situación e para expresar, pública e abertamente, que tamén nós ‘pedimos a palabra”