Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ATÉ O 18 DE XULLO

Revela Oleiros: 'Dime con que xogas e direiche quen es'

Un proxecto fotográfico que reflexiona sobre os xogos dos nenos foi o traballo mellor valorado no Revela na Escola.

Redacción - 11:35 05/07/2010

Cando só restan dúas semanas para pechar o Revela Oleiros deste ano, a organización deu a coñecer o proxecto gañador desta edición do concurso dirixido aos colexios: o Revela na Escola. Neste foro, que impulsa o encontro entre a realidade social e a cidadanía a través da fotografía, os nenos tamén teñen moito que dicir e así o veñen de demostrar Xaquín Lizancos Sogo e Jorge González Romero, alumnos do IES María Casares de Oleiros, co seu proxecto fotográfico titulado 'Xogando”.

O seu traballo está composto por un total de sete fotografías que amosan distintas situacións sociais de grupos de nenos e nenas coa acción de xogar e interactuar cos seus propios recursos como denominador común. Nas fotos vemos a nenos xogando con auga, ben nun río da República Dominicana, ben nunha fonte dunha cidade francesa. Tamén pequenos que xogan con cousas: un balón, unha metralladora de xoguete... 'Dime con que xogas e direiche quen es', sentencian nunha frase final.

Ademais, por mor da calidade dos traballos presentados, o xurado decidiu asemade conceder unha mención especial a outros dous proxectos e incluílos igualmente na exposición fotográfica. Son “Mishalvallí”, de Sabela Ramos Canedo e Alejandra Grela Vázquez, e o proxecto denominado “Instantes dun tempo esvaecido”, realizado por Pablo Fernández Garrido e Gonzalo Castro Quintáns.

Revela Oleiros 2010
Doutra banda, aínda se pode visitar a mostra fotográfica deste ano na Praza José Martí. Desta volta, a mostra denuncia as agresións á infancia en todo o mundo a través das imaxes de 25 fotógrafos de 16 países e titúlase “Morrer de infancia”. Asemade, tamén tomaron parte nesta edición a xornalista Carmen Sarmiento e o fotógrafo Giacomo Pirozzi. A primeira falou das “Infancias Rotas”, poñendo de relevo as condicións de vida nos máis desfavorecidos nos lugares máis inhóspitos do mundo. Pirozzi, fotoxornalista italiano que se formou como sociólogo traballando para Unicef e outras axencias de cooperación e desenvolvemento falou sobre “A fotografía e os dereitos dos nenos”.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O proxecto fotográfico "Xogando" amosa os contrastes dos xogos de nenos duns e doutros contextos
O proxecto fotográfico "Xogando" amosa os contrastes dos xogos de nenos duns e doutros contextos