O presidente ceilanés, Mahinda Rajapaksa, comprometerase con Ban Ki-Moon en maio de 2009, logo do aniquilamento da guerrilla dos Tigres Tamil.
O presidente ceilanés, Rajapaksa
A ONU creou un grupo de expertos para que avalíe se o Goberno de Sri Lanka cumpriu o compromiso de investigar a posíbel comisión de crimes de guerra durante a ofensiva que aniquilou a rebelión dos Tigres Tamil en 2009, anunciou este martes o organismo.
O grupo de tres expertos, designado por Ban Ki-Moon, analizará o nivel de cumprimento do acordo ao que chegaron o presidente ceilanés, Mahinda Rajapaksa, e o secretario xeral da ONU en maio daquel ano. Ban "continúa convencido de que a depuración de responsabilidades é unha parte esencial para a paz e a reconciliación en Sri Lanka", resaltou un portavoz da ONU.
O traballo hase desenvolver ao longo dos próximos catro meses, e desde o organismo internacional confían en que as autoridades de Sri Lanka cooperen, aínda que este mesmo voceiro mencionou que posibelmente non teñan que viaxar ao país para cumprir a súa misión.
Nese aspecto, insistiu en que non se trata dunha "comisión de investigación" e que a intención do secretario xeral "non é ir en contra das autoridades ceilanesas". Non foi até o pasado 17 de maio, un ano após a derrota da guerrilla tamil, que o Goberno ceilanés finalmente anunciou a creación dunha comisión de reconciliación encargada de analizar o conflito.
Rajapaksa pediu á comisión unha análise dos "feitos e circunstancias" que fixeron fracasar o cesamento do fogo, as negociacións mantidas até finais de 2006 e o resto de eventos deica maio de 2009. A medida foi considerada insuficiente polas organizacións internacionais de dereitos humanos, como Amnistía Internacional e o Grupo Internacional de Crise.