Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

A herexía do Medo e do Dogmatismo

Noutro artigo deste mesmo número en papel da revista Irimia recollemos a testemuña do frade franciscano vasco José Arregui, de Aránzazu,  a quen o recentemente nomeado bispo Munilla –o victorioso candidato de Rouco para “reconducir” aquela diocese á ortodoxia neoconservadora- pretendeu silenciar para sempre ou “destinar” a América.

Redacción - 17:05 19/06/2010

                 
É un capítulo máis dunha penosa involución. Algún día a historia será dura cos novos inquisidores, incapaces de mirar cara a cara, reconciliada e serenamente, a cultura e a sociedade actuais, para poder dicir unha palabra que signifique algo, que aporte esperanza, que libere, sande feridas, toque o corazón da muller e o home de hoxe e sexa, en consecuencia, realmente salvadora.

Evidentemente que a Igrexa ten misión de profecía, de crítica en defensa da persoa humana, da dignidade e da vida para todos e todas, do futuro do planeta e do reinado da xustiza. Pero toda a capacidade de audiencia desta Igrexa “rouquiana” estrágase na defensa de posicións de predominio ideolóxico e supostamente moral, sen cuestionar se esa ideoloxía e esa moral son nucleares na vida de Xesús e na súa Causa, ou son basicamente formatos culturais e imaxinarios relixiosos dunha época de cristiandade medieval que xa non nos di absolutamente nada.

Apagar voces como a do místico Arregui é, outravolta, despreciar e perseguir o mellor desta Igrexa en crise profundísima e diríase que  inconsciente.

O mesmo Arregui define perfectamente a situación: A gran herexía deste Igrexa é o Medo e o Dogmatismo. Diriamos máis: o gran pecado é o seu corporativismo. Esa cerrazón a que corra aire fresco, esa ocultación vaidosa das propias miserias e o autoconvencimento da posesión da verdade e de toda verdade, en forma de depósito e reducido de maneira sectaria a unha versión ultraconservadora, pensamento único admisible por unha xerarquía en declive.
Virán outros tempos, pero que non tarden moito.


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: