A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña inicia unha campaña divulgativa para recabar datos aínda silenciados dos represaliados da comarca.
Que abrollen os numerosos nomes das vítimas do Franquismo aínda silenciadas. Este é o obxectivo dunha campaña que vén de poñer en marcha a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH). A iniciativa ten tamén unha misión divulgativa e incluirá o reparto de tres milleiros de carteis, que se distribuirán por toda a comarca, e actos informativos polos diferentes concellos, explicando a represión que houbo en cada un deles.
Segundo explicou o presidente da Comisión, Manuel Monge, a iniciativa “partiu dos propios familiares que vían como se esgotaba o tempo de veren recoñecidos os nomes dos seus parentes”. Pídese a colaboración cidadá e a idea é que os nomes das persoas que se identifiquen a través do proxecto se sumen ás 600 vítimas que xa foron recoñecidas na área metropolitana a través do proxecto universitario 'Voces e Nomes', para incluílos despois nunha escultura a modo de memorial.
Precisamente hai unhas semanas que esta iniciativa fixo pública na rede o novo deseño e contido da súa páxina web, na que se poden consultar información sobre as vítimas de sufriron a represión franquista en Galiza entre 1936 e 1939 a través dun resumo do seu proceso represivo, xunto a unha imaxe e á súa voz ou a dun familiar onde nos relata a experiencia vital desa persoa. Conta cun total de 14.704 entradas.
Monumento ás vítimas
A escultura na que se recollerán todos estes nomes financiaranse cunha subvención de 27.800 euros que lle concedeu o Ministerio de Presidencia á Comisión a comezos de xaneiro. A intención é que se poida colocar en San Amaro, se ben aínda non conta co apoio do goberno municipal. A día de hoxe, a Comisión aínda non recibiu resposta do Concello á súa petición para colocar o monumento. A día de hoxe, a Comisión aínda non recibiu resposta do Concello á súa petición para poder colocar o monumento, se ben Monge adiantou que espera contar coa colaboración, “ao igual que fixeron cando se colocou outro memorial no Portiño”. Asemade, insistiu en que “sen esa colaboración institucional non será posíbel levalo adiante”.
O obxectivo da comisión é inaugurar o monumento en outubro e o acto estará acompañado dun festival musical e artístico. O memorial contará, segundo explica Monge, con varias placas nas que se inscribirán os nomes das 600 vítimas localizadas xa e deixaranse outros dous paneis baleiros para incluír os nomes que se vaian identificando no futuro. O propio Monge estima que pode haber até 200 vítimas máis da ditadura na comarca sen identificar, de aí que o monumento estea pensado como “algo aberto” e apunta: "querémolo facer ou antes posibles para que vos familiares poidan estar presentes non mesmo".