"Para iso nos rebaixa Feijoo os salarios, para entregarlle o montante a empresas privada", denuncia a CIG-Autonómica ao respecto das manobras do Goberno.
Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar
Os propios centros públicos que na actualidade prestan servizo de residencia para a terceira idade pasarán progresivamente a mans privadas, segundo agoiran esta quinta feira desde a CIG-Autonómica. A formación sindical ironiza sobre a presunta política de austeridade defendida polo actual Goberno, criticando que se vaian alugar as residencias públicas a empresas privadas para logo pagarlles polo número de residentes a atender, "poñendo a administración toda a infraestrutura: a propia residencia, instalacións, medios, loxística...". Custo cero e a cambio importantes beneficios "que sairían do erario público".
"Isto vai supor unha perda de calidade do servizo, unha privatización clara e aberrante, poñer aos nosos maiores en mans de factorías de facer cartos a costa dos problemas dos cidadáns", advirte Fernando García, secretario nacional da CIG-Autonómica. A alerta acendeuse nos centros logo da chegada a eles de equipos de empresas privadas que, baixo encargo da Xunta, proceden a estudar o custo e prestación de servizos cara á súa privatización. Unha entrada do sector privado que, a medio prazo, abranguería todos os servizos agás os sanitarios.
A CIG preguntou esta mesma semana na Mesa Xeral de Empregados Públicos ao respecto destes plans da Xunta, mais con pouco éxito xa que, tal e como censuran, o executivo envía cada vez "a representantes de menor rango" para dar conta da súa actuación. Por este motivo, veñen de solicitar reunión coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para que aclare as pretensións do seu departamento. Avisan desde o sindicato que non só debera paralizarse esa privatización senón que debera facerse maior esforzo na dotación de recursos públicos para a dotación de prazas en residencias de maiores e centros de día.