O novo artigo 256 do Código Penal prohibe producir, rexistrar, importar, vender, comprar, regalar, transportar ou envialos con fins propagandísticos.
Donald Tusk, primeiro ministro polaco
Comunistas de todo o mundo uníronse á campaña internacional dirixida polo Partido Comunista de Polonia en contra da normativa que prohibe os símbolos desta ideoloxía no país. Segundo informa o xornal Tercera Información realizáronse manifestacións de rexeitamento en Varsovia e en varias capitais do mundo, como Moscova, México DF, Londres, Atenas, Budapest ou Lisboa.
O pasado 8 de xuño aprobábase o novo artigo 256 do Código Penal polaco, que prohibe producir, rexistrar, importar, vender, comprar, regalar, transportar ou enviar simboloxía comunista con fins propagandísticos baixo penas que van desde a multa até os dous anos de cárcere
A norma foi impulsada polo executivo conservador do primeiro ministro polaco Donald Tusk. Polonia, canda Hungría, Lituania e Letonia, convértese no cuarto país do leste de Europa cun partido de dereita no goberno que ilegaliza a fouce e o martelo.
Desde o Partido Comunista de Polonia salientaron nun comunicado a gran cantidade de apoios recibidos desde dentro e fóra de Europa, con comunicados enviados desde Australia, Chile, Inglaterra, Dinamarca, Chipre e Paquistán, entre outros países.
Os comunistas gregos e bolivianos sinalan a crise económica como unha das causas da censura: "É unha mostra do temor das clases dominantes e dos monopolios capitalistas ante o rexurdimento do movemento obreiro e popular na Europa sacudida por unha profunda crise capitalista".
Tamén, segundo Tercera Información, o Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE) enviou unha carta ás autoridades polacas exixindo a anulación destas modificacións do Código Penal e de calquera acción enfocada a equiparar o comunismo co fascismo.
Precisamente, a condena europea ao comunismo xurdiu de xeito oficial a finais do ano pasado, cando, para conmemorar os 20 anos da caída do muro de Berlín, a Carta de Praga, asinada por presidentes e parlamentarios europeos, equiparou os crimes do comunismo cos do fascismo.