Chega a Usbequistán o primeiro avión con axuda humanitaria para os 75 mil refuxiados, mentres moitos outros se amorean na fronteira, xa pechada.
A fronteira usbeca está pechada
"O nivel de violencia en Quirguicistán é alarmante", alertaba este martes Nacións Unidas, que constatou que as violacións e os asasinatos contra crianzas e mulleres se suceden no sur do país dentro dos enfrontamentos étnicos entre quirguices e usbecos que se desataron o pasado venres.
Oficialmente, a cifra de mortos sitúase en 176, aínda que as propias autoridades admiten que podería ser varias veces maior. Ademais, o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (UNHCR, en inglés) informou de que hai 200 mil persoas desprazadas dentro do país, e outras 75 mil refuxiáronse en Usbequistán.
As fronteiras do país veciño pecháronse o luns agás para aqueles feridos ou con necesidades especiais, argumentado carecer de recursos para xestionar o éxodo. Á última hora deste martes, informa Al Jazeera, reabriu tres pasos para deixar pasar máis de 60 persoas feridas.
O primeiro avión cargado con 40 toneladas de axuda humanitaria internacional chegou esta cuarta feira a Usbequistán, mais ás portas amoréanse os que foxen dos disturbios. Unicef asegura que o 90% dos refuxiados son crianzas, mulleres e anciáns, que tamén sofren a violencia física e psicolóxica nas súas carnes.
A axencia de noticias AFP relata o caso de tres irmás usbecas de entre 16 e 23 anos, violadas durante varias horas por unha turma de quirguices, segundo o testemuño de Mukaddas Majidova, doutor usbeco en Khoja-Obod. Human Rights Watch afirmou que aínda non tiveran a posibilidade de comprobar a veracidade desas acusacións.